Nova xornada completa de Fútbol da Costa con máis de 60 partidos en liza. E bo tempo, que esta primeira fin de semana de outono vén moi soleada.
E comezamos o repaso á xornada pola Preferente - Senra Sport, na que os nosos teñen ocasión de seguir sumando en casa, e subir posicións. O Dumbría recibe ao Negreira, equipo moi enchufado que chega empatado a 7 puntos. Mentres o XSC recibe a un Escairón que comezou a campaña de xeito regular e chega empatado cos xalleiros a 5 puntos.
Xa na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra temos o partidazo da xornada. Un derbi ademais xa coa necesidade de sumar xa que tanto Soneira como Esteirana chegan con só 1 puntos. Ten que sumar tamén o Malpica, con só 2 puntos, pero visita a todo un Villestro. Xa por arriba, os Sofán, Corme e Baio teñen máis tranquilidade, e terán complicadas saídas ao campo do Cordeiro, a Silleda co pechacancelas e a Bertamiráns.
Horario unificado para esta 4ª xornada na 2ª Autonómica - ES Bazarra. Con partidos intensos ademais, como ese derbi camariñán na Grixa, un Volantes-Outes sempre intenso ou un Cee-Buño no alto da táboa.
Un partido en horario matutino na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. O Lira-Muxía, un dos máis interesantes da xornada xa que descansa o líder, o Coristanco, celebrarase pola mañá en Lombáns, entre un Lira que se pode poñer á cabeza e un Muxía que aínda non estreou o taboleiro de puntos.
Na Liga Xuvenil Sur - MáisDeporte, o Dumbría terá que superar unha das que parecen as pedras máis duras da temporada, o novo equipo dos Miúdos. Ademais, o Outes-XSC é unha incógnita pois o cadro da Serra só leva un partido, e o Esteirana-Cee seguro que ten moito interese. E na Liga Xuvenil Norte - MáisDeporte, o Coristanco e o Cabana non queren baixar o ritmo e reciben en casa a Porteño e Malpica. O Camariñas-Corme parece o choque máis igualado, loitando pola 3ª praza.
Nas ligas autonómicas, triple ocasión para comezar a sumar de 3 en 3. O Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría recibe ao Valmiñor para conseguir a primeira vitoria da temporada. O mesmo lle acontece ao XSC da Liga Galega que recibe ao Lugo B, mentres que o equipo infantil dumbriés intentará facer o propio ante o Portuarios.