Martes. 23.04.2024
El tiempo

Buño S.D. - U.D. Cerqueda, derbi en Xaviña

Buño S.D. - U.D. Cerqueda, derbi en Xaviña
Varios partidos centran a atención na que debía ser a última xornada do ano, e que non o será porque a xornada aprazada a pasada fin de semana posiblemente se xogue antes de que remate o 2017. O Dumbría - Sofán en Preferente, e o Mazaricos - Puenteceso na Liga da Costa son os partidos estrela do día 17. Pero tamén se xoga un derbi curioso en Buño, no campo de Xaviña, entre dous equipos coa peculiaridade de que levan un tempo compartindo campo e a veces horas de adestramentos. Segredos, o que se di segredos non cremos que haxa o domingo no Buño - Cerqueda. A igualdade entre ambos equipos refléxase na clasificación. O Buño é 9º con 13 puntos e o Cerqueda 11º con 11 puntos. Ambos levan só dúas vitorias. O Buño é un dos equipos menos goleados do campionato con 12 tantos en contra, pero é o menos anotador con 10 goles a favor. O Cerqueda ten cifras máis normais, 15 a favor e 18 en contra, pero tampouco para tirar cohetes. O encontro é vital para ambos conxuntos, pois a igualdade na zona baixa é enorme e os puntos véndense caros. Isto en canto a números. En canto a fútbol, diremos que o Buño estase a mostrar como un dos equipos máis incómodos da liga. Ten unha derrota menos que o Baíñas, que ocupa a 4ª praza na clasificación, o que indica o difícil que é gañar ó equipo de Dani Calvete. Os poucos goles a favor están lastrando ó equipo, que empata moito pero gaña pouco. O once máis habitual utilizado polo Buño é o formado por Brais, Miguel Dourado, Moscoso, Pablo, Eloy, Jorge Calvete, Emilio, Fran, Petís, Posiño e Zinho. Tamén entran no once con frecuencia David Álvarez, Manolo e Richard. Afrontan o derbi " con normalidade, como outro partido calquera. Compartimos campo, así que poucos segredos imos ter. O domingo será outra historia, son partidos que a todos nos gusta xogar, veñen amigos e familiares a verte, hai rencillas de moitos anos, é un derbi en toda a regla. Esperemos que haxa moita xente na grada e que sexa un partido limpo" dinos o adestrador Dani Calvete. Falando do que espera do partido, Dani dinos que "o Cerqueda é un equipo moi similar ó noso, moi ordenado e con velocidade arriba, encaixan pouco pero igual que a nos estalles costando marcar". O Buño pretende "levar a iniciativa, ser fortes defensivamente e non encaixar, e tratar de aproveitar as ocasións". Todos sabemos que o estado anímico é fundamental neste tipo de partidos. "As dinámicas de ambos equipos son parecidas, polo que o estado anímico será similar. Pero para estos partidos non vale o feito no ano, valen mais as ganas de gañarlle ó veciño. O nivel de excitación será moi alto e tentaremos aproveitalo", coméntanos o mister do Buño. O Cerqueda pola súa parte leva unha tempada irregular. Cóstalle gañar, pero é un equipo competitivo. Alternan a Richard e Dourado na portería. Na liña defensiva contan co ex do Sofán Javi Souto como home importante, e a súa baixa notouse en varios partidos. O capitán Dani é dos fixos, e Bastón, Martín, Atu, Javi Pazos e Marcos Pensado tamén teñen os seus minutos. Michel é o timón no medio, acompañado de Manu Guillamet ou Cholo, e por diante moita movilidade e velocidade cos Méndez, Mato, Julián, Vieites e Gonzalo. Un bo plantel do que se esperaba máis. Un dos homes importantes é Dani, home para todo no club, e con pasado no Buño, co que o derbi para él será un partido especial. "Vivo este partido como algo especial polo meu pasado no club".  O equipo afronta o partido "adestrando duro, tres días con 15 homes de media nos adestramentos. Polo de agora o traballo da semana foi normal" Dani ten claro que "estos partidos se deciden en pequenas cousas. O que non cometa erros levarase o partido". Outro dos homes importantes do Cerqueda, Javi Souto, dinos que " non lle temos especiais gañas ó Buño. Penso que había máis rivalidade cando estábamos en 3ª Galicia e ambos equipos buscábamos o ascenso, porque nos éramos o peixe pequeno e queríamos gañarlle ó peixe grande". O de adestrar xuntos dinos Javi que "non creo que teña influencia. Cada un está ó seu. Seguro que esta semana algo nos gardamos ambos. Da gusto ver adestrar a ambos equipos, con 15 - 16 homes todos os días, nada habitual nestas categorías".  Sobre a relación entre os xogadores dinos que "é boa, somos todos da zona, e algúns xa xogamos xuntos noutros equipos. As novas directivas axudaron a mellorar esta relación". Sobre o Buño "só os vin no Trofeo da Olería. Paréceme un equipo equilibrado, sin individualidades, xogan en equipo. Haberá que ter paciencia para gañar, e atender moito ós balóns parados" Xa sabedes, se andades cerca de Buño o domingo, non deixedes de acercarvos a Xaviña.  

Comentarios