Galardoados os mellores atletas do Circuito Correndo pola Costa da Morte

Pechouse cun éxito inesperado este I Circuito de Carreiras Pedestres “Correndo pola Costa da Morte”. Os propios técnicos municipais, organizadores a través do Club Deportivo Costa da Morte, non contaban con rematar o ano con gala e todo. A eles hai que renderlles tamén unha homenaxe polo gran traballo que levan facendo nos últimos anos, vertebrando a Costa da Morte a través do deporte, e facendo moito por superar vellos localismos.
Aos Fran Puga, Fidel Otero, Víctor Santos, Diego Castiñeira, César Ferrío, Manuel Calo, Carlos Pazos, Miguel Olveira, María Silva, María Lestón e Víctor Santos, os meirandes parabéns.

E menuda gala armaron, todo sobre o guión, cun grande como Fran Hermida aos mandos, e unha marea de xente con gañas de ver aos mellores atletas da Costa da Morte recibir os seus premios.

Estiveron presentes os alcaldes dos 8 concellos participantes (lembren que para o ano teremos 9), pero ademais estivo o novo padriño da proba, nada menos que Pedro Nimo, e outra serie de personalidades que convertiron a Casa da Cultura de Vimianzo nun fervedoiro de emocións. Unha gala que ademais tiña como obxectivo benéfico, apoiar a Asociación Española contra o Cancro, e que quixo lembrar ao equipo dos Muditos, o único equipo con categorías base.

Os premiados

Os campións absolutos foron o de Coristanco Cristian Muíño, en categoría absoluta, e coruñesa Eva Portas en feminina. Mención especial para o vimiancés Míchel Antelo e a ceense Belén Martínez, os mellores atletas locais.

Pero houbo unha marea de premiados. Por exemplo, aqueles 10 bravos que remataron as 8 probas recibiron un lote de produtos de conservas: Eva Portas, Belén Martínez, o tamén ceense José Manuel Lago Ces, o bombeiro de Brens Arturo Pasantes (recolleuno a súa muller); o xalleiro Gonzalo Silva Brenlla, o ceense Kiko Lago; o noiés Roberto Rey Gómez; o ceense Víctor Hugo Conce; o larachés Humberto Bracco e o carnotán Alberto Castro.

Recibiron ademais premios Carmen García García (Zas) como Campiona M50; José Suárez Leis (A Baña) como Campión M50; a Campiona M40 Feminina foi Ana Mª Mallo Domínguez (Ames) mentres José Manuel Lago Ces (Corcubión) foi en masculino.

Novidades e Calendario para o 2015

As novidades a destacar para a 2ª Edición do Circuíto de Carreiras Polulares Correndo pola Costa da Morte son varias, como:

  • Os concellos que forman parte do Circuíto Correndo pola Costa da Morte asinarán un convenio coa Xunta Provincial de A Coruña da Asociación Española Contra o Cancro, por medio do cal comprométense a destinar a recadación correspondente de todas as “Carreiras 5K Contra o Cancro” a esta asociación como axuda para a loita contra esta enfermidade.
  • Incorporación ao Circuíto da 1ª Carreira Pedestre Concello de Dumbría.
  • Creación da páxina de facebook correndopolacostadamorte.
  • Creación da figura do fotógrafo oficial do Circuíto.
  • Aumento do grupo de patrocinadores e colaboradores, quedando así constituido polos xa existentes Coca-Cola Iberian Partners, GADISA, Conservas Boya, Federación Galega de Atletismo, Colexio Oficial de Fisioterapeutas e Club Deportivo Costa da Morte, e as novas incorporacións, Ferroatlántica, La Voz de Galicia e Radio Voz.

A segunda edición quedaría calendarizada da seguinte maneira:

  • 08-03-15 Camariñas (IV Carreira pedestre Concello de Camariñas).
  • 26-04-15 Vimianzo (IV Carreira Pedestre Concello de Vimianzo).
  • 23-05-15 Dumbría (I Carreira Pedestre Concello de Dumbría).
  • 06-06-15 Zas (II Carreira Pedestre Concello de Zas).
  • 27-06-15 Cee (II Carreira Pedestre Concello de Cee).
  • 29-08-15 Carnota (XXIV Carreira das Areas do Concello de Carnota).
  • 27-09-15 Corcubión (XIV Carreira Pedestre Vila de Corcubión).
  • 18-10-15 Fisterra (II Carreira Pedestre Concello de Fisterra).
  • 22-11-15 Muxía (II Carreira Pedestre Concello de Muxía).

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Fotos da Asociación contra el Cáncer dos alcaldes da Costa da Morte.