Martín Varela tamén gaña na casa

Impresionante o traballo do cormelán Martín Varela Dourado, que xa nos está acostumando mal con tanta vitoria. O integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés e coa colaboración do colectivo "Con V de Valarés", Apligasa e Deceuninck, participou o pasado fin de semana nunha nova proba internacional, o "I Open Internacional Cidade da Coruña", celebrado na Escola de Tenis Marineda, en Cambre, nas pistas nas que habitualmente adestra o cormelán acolleron este torneo internacional.

E non defraudou. Partindo como primeiro cabeza de serie, ao estar no posto nº 127 do ranking internacional ITF, puido superara a rivais da talla do campión do mundo junior, Roberto Chamizo, e ao aresano Álvaro Illobre. Esta era a terceira vez que Varela intentaría ser profeta na súa terra e lograr un torneo que se lle escapou na final na última edición. Desta volta non se escapou e acadou a vitoria.

Desenvolvemento do torneo

No cadro individual Martín comezou xogando contra o protugues Carlos Leitao, ao que venceu claramente por 6/2 e 6/1. En segunda rolda o seu rival foi Fadrique, un xogador que está empezando a competir en torneos internacionais e que sufriu unha dura derrota contra Varela por un dobre 6/0. O cormelán estaba con moitas ganas e moi arroupado polo seu público quería chegar á final realizando un bo xogo e intentar gañala por primeira vez na súa carreira deportiva.

>En semifinais xogou contra o seu compañeiro de entrenos, Juan Gutiérrez, ao que logrou superar por un dobre 6/1 nun gran partido do cormelán, con moi bos golpes.
Así, conseguía chegar á final por segundo ano consecutivo e o seu rival sería Álvaro Illobre, que superara na súa semifinal a Roberto Chamizo. Ambos os xogadores iniciaron o encontro un tanto nerviosos pola presión, xa que ademais do torneo estaban en xogos uns puntos moi valiosos para subir posicións no ranking internacional de face á clasificación para a Paraolimpiada 2012.
A igualdade foi a nota predominante no marcador ata que no 3 iguais, o mellor saque de Varela unido á súa mellor estratexia á hora de afrontar as bólas decisivas, déronlle o break necesario para poder levar a primeira manga por 6 a 3. Faltaba a puntilla, pero o medo a gañar apoderouse de Martín á hora de culminar o que levaba máis dun ano preparando, a vitoria no torneo de casa. Illobre tirou de experiencia e igualou o encontro cun 6 a 4 no segundo parcial.
Chegado o terceiro e definitivo set, todo podía pasar. Pero a preparación física e mental de Martín puido coa experiencia de Illobre. Pronto se marchou no marcador ata ao 5 a 1. Todo parecía decantado a favor do cormelán e foi entón cando lle puido a presión. Tras fallar un golpe gañador, e tras encadear dous dobres faltas, cedeu o saque e o break de vantaxe. Illobre creceuse e chegou ata o 4 a 5 e 30 iguais. A cara é o espello da alma, e a de Martín era todo un poema. Pero este torneo débelle moito a Martín e esta vez quixo ser xeneroso con el. Unha dereita angulada gañadora de Martín e un revés ao corredor de Illobre déronlle ao Martín Varela a vitoria que tanto tempo andaba buscando. O tenteo final foi de 6/3, 4/6 e 6/4 para o cormelán.

O partido finalizou cunha pechada ovación do numeroso público presente e o cormelán recibiu numerosas felicitacións.

Campión tamén en dobles

Pero os éxitos non acabaron aí para o cormelán, xa que facendo parella con Roberto Chamizo, tamén se proclamaron campións do cadro de dobres do torneo. Xogaron a final ante a parella Illobre - Cantelar e venceron por un dobre 6/3.

Vindeira cita

Martín Varela non competirá esta semana, logo de estar case dúas semanas ininterrumpudas en competición. O 30 de xuño volverá competir nun novo torneo nacional, o Open de Rivas (Madrid).

Máis información

Novas relacionadas

Fonte