Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Martín Varela segue colleitando triunfos e patrocinios para chegar a Londres 2012

Martín Varela segue colleitando triunfos e patrocinios para chegar a Londres 2012

Non para o noso deportista máis internacional e tras proclamarse subcampión de España continúa colleitando triunfos por cada torneo ao que acode. Como o VI "Open Cidade de Huesca", nova proba do campionato nacional de tenis en cadeira de rodas. Alí cormelán Martín Varela Dourado, integrante da sección de deporte para discapacitados A.D. Cempés e coa colaboración do colectivo "Con V de Valarés", Apligasa e Deceuninck, acadou o triunfo en dobles e foi finalista en individuais.

Máis patrocinios co obxectivo Londres 2012

Pero a mellor noticia para o cormelán esta semana veu antes de chegar a Huesca: A empresa de Cabana de Bergantiños, "Apligasa, Aplicacións Plásticas Galegas, S.A." (especializada en carpintería de aluminio e PVC), e a empresa "Deceuninck" de Toledo (tamén especializa en carpintería de PVC), do mesmo xeito que fixeron na tempada 2010, únense ao Proxecto Deportivo de Martín Varela para a tempada 2011, co obxectivo de alcanzar a clasificación para as Paraolimpiadas de Londres en 2012.
Desta forma, Apligasa e Deceuninck colaboran co tenista cormelán cunha achega ao orzamento de Varela, que lle permitirá disputar este verán varios torneos máis internacionais, fóra do territorio nacional.

Desenvolvemento do Torneo

Martín Varela partía como segundo cabeza de serie e cumpriu cos prognósticos que o situaban na final ante o nº 1 nacional, o catalán Kiko Tur. Para iso Varela venceu en primeira rolda ao seu compañeiro de entrenos na Escola de Tenis Marineda de Cambre, o galego Juan Gutiérrez; o tenteo foi de 6/1 e 6/2 para o cormelán. Xa en semifinais Martín enfrontouse ao nº 5 nacional, o rioxano Juanjo Rodríguez. O cormelán seguiu co seu bo xogo e repetiuse o tenteo da eliminatoria anterior, 6/1 e 6/2 para Varela.

A gran final esperada por todos disputouse entre Kiko Tur e Martín Varela. Pero nesta ocasión o cormelán non realizou un gran partido. Tivo bastantes fallos non forzados e perdeu seguridade no saque, e isto ante un xogador como Tur págase coa derrota. Desta forma o catalán venceu por un claro 6/1 e 6/3 ao cormelán. Martín admitiu ao final do partido que este fora un dos seus peores encontros do que leva de tempada pero lle quitou importancia e xa pensa na súa próxima cita do circuíto nacional en Oviedo a próxima semana.

Campión en dobres

Na competición de dobres, facendo parella con Kiko Tur, proclamáronse campións xogando a final ante a parella rioxana Rodríguez - García. O tenteo final foi de 6/4 e 6/2.

Vindeira cita

Martín Varela xa se adestra ata o xoves para iniciar viaxe a Oviedo, onde disputará a partir do venres o Open de Oviedo.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios