Segunda fin de semana de outubro e máis de 60 partidos en liza do Fútbol da Costa.
E comezamos a análise da xornada dende a Preferente, que xa cumpriu a súa 8ª xornada. E a sorpresa saltaba no Municipal vimiancés onde o Soneira sorprendía a todo un Bergantiños. Unha vitoria que necesitaba o cadro de Felipe como auga de maio, e que o saca do descenso. A derrota non impide que o cadro carballés manteña o liderato aproveitando empate do Ribadeo ante o Dubra. O XSC caía ante o San Tirso pero fica na 3ª praza a só 3 puntos do líder. Tampouco sumaba o Dumbría na casa ante o Sada, que queda a 6 do liderato na 6ª, empatado co cadro sadense e co Silva.
Na 1ª Autonómica, a xornada saldouse con 3 vitorias, un empate e unha derrota esperada. A do Ponteceso, que recibía a un Villestro chamado a todo, e que colleu demasiado cedo a un equipo aínda en proceso de adaptación. Polo resto, 3 vitorias tremendas dos nóveles Baio e Esteirana fóra de casa, e que os deixan con 11 puntos, a só 4 do liderato, entre os 6 primeiros. O Camariñas vencía ao Flavia e se coloca 8º, respirando con tranquilidade. E o Malpica se mantén 3º co seu empate ante o Piloño, un empate que así e todo soubo a pouco.
A 6ª xornada da 2ª Autonómica deixa ao Outes no máis alto. Os de Manu Roque segue espectaculares, e hoxe puideron cun Buño moi aguerrido. O Cee, firme, queda a 3 puntos, tras vencer non sen sufrimento ante o San Lorenzo. E a 5 puntos do líder están o Castriz, que goleou ao Cabana, e o Sofán, que fixo o propio co Porteño. O Fisterra non puido pasar do empate en Camelle, e no choque máis igualado da xornada, un solitario gol de penalti de Iván Lagoa deu a vitoria ao Zas ante un Corme que aínda non arrincou. Por abaixo, preocupa o Corcubión, que saíu cunha goleada de escándalo en Mazaricos. E tanto preocupa que a directiva decidiu destituír a Nito. O seu substituto será Senra.
Nos Xuvenís, o partido da xornada era o Dumbría-XSC. O cadro xalleiro chegaba para romper a imbatibilidade do Dumbría, pero este equipo parece decidido a romper marcas e segue con 5 vitorias en 5 partidos. O Fisterra, que descansaba, e o Cee, que vencía ao Soneira pero conta cun partido máis, se poñen a 3 puntos, un por riba do XSC. Polo Norte, o Corme segue líder tras vencer pola mínima a un Laxe que quería volver meterse no allo. O Malpica xa vai subindo posicións e se sitúa 2º, a 2 puntos, empatado co Ponteceso. Ambos venceron a teóricos rivais pequenos pero sen facilidade. O Cabana queda 4º tras un fermoso empate cun Baio que tamén quere unirse ao pelotón de cabeza.
En División de Honra Cadete, o Dumbría caía en Santiago, e na Liga Galega Infantil, malos resultados para os nosos, deixando aínda ao XSC sen puntuar, igual que outros 4 equipos. Na I Copa da Costa Cadete, a falta de unha xornada, xa vai encamiñada cara os Cuartos. E nos Infantís, Cee e Corme continúa imbatidos.
Os Veteranos, o Baio e o San Lorenzo comandan na 1ª, quedando o novato Dumbría de pechacancelas aínda sen puntos. En 2ª, parece que o Corcoesto e o Milagrosa buscarán o ascenso.
Por último, na Liga Intermunicipios de Bergantiños pon ao Sp- Brea de líder tras unha goleada tremenda ao Sp. Seaia. Segue tamén a boa liña o Baldaio tras unha nova goleada, desta volta ao Peña Galicia, e Rus e Cereo manteñen o ritmo.