Venres. 19.04.2024
El tiempo

Oscar Martínez, un árbitro de Baio na elite

Oscar Martínez, un árbitro de Baio na elite
A Costa da Morte sempre foi terra de bos futbolistas, xogadores peculiares con características marcadas polo noso xeito de vida no fin da terra. Pero tamén saíron de aquí outras xentes para o deporte rei, xentes que destacaron en outras facetas. No aspecto arbitral todos nos acordamos de Raúl García de Loza, un dos colexiados máis famosos dos ano 80 en Europa. Seguindo os seus pasos está Oscar Martínez Santos, natural de Baio, que agora mesmo pita en Segunda B. Xuntámonos con el para que nos contara como chegou a tanto e os avatares da vida dun colexiado costeiro na elite do fútbol español. QPC é un firme convencido de que debemos normalizar a figura do árbitro como a de un partícipe máis da paixón futbolística, e a iso axudará o coñecemento das persoas que os domingos se prestan a xulgar os duelos entre 22 homes en pantalón corto. QPC - Cóntame para empezar como te iniciaches nisto da arbitraxe, qué te motivou a empezar a pitar? Dende cativo sempre fun moi futboleiro, quizais impulsado por unha gran tradición familiar. De feito lembro que no verán, na casa dos meus avós, adoitaba organizar uns pequenos campionatos de fútbol no que xa marcaba as regras e o sistema de competición. Pero no foi ata comezar a carreira universitaria en Compostela cando me decidín. Estaba no segundo curso e pasaba de xuvenil a senior e entre que era máis ben “pasable” e non podía acudir aos adestramentos, decidín dar o paso. QPC - Como foi a túa traxectoria ata chegar a onde estás agora? Xa en Compostela preguntei a un compañeiro de carreira que tiña un coñecido árbitro qué tiña que facer para asubiar. E alí fun ata o colexio arbitral, situado no Estadio de San Lázaro, para anotarme. Pasei un curso de formación e en xaneiro do 2005 comecei, nun partido de infantil local. Foi un comezo difícil, pois viña do fútbol costeiro e pasei a dirixir encontros nunha contorna que non coñecía. A partir de aí fun subindo paso a paso ata acadar en xuño do 2014 a Segunda División B. Nun Teresa Herrera, con Munúa e Laure QPC - Todavía tes marxe para seguir subindo? Este ano cumpro a cuarta temporada na categoría, algo que nunca pensei acadar cando comecei. O tempo dirá ata onde son capaz de chegar. Seguir traballando con ilusión e denodo, disfrutando dunha paixón. QPC - Gústache o xogo do fútbol, ou o que che gusta é ser xuíz, aínda que fora en outro deporte daríache igual? Iso é algo difícil de explicar a aqueles que non son árbitros. Xestionar un partido, decidir con honestidade a quen lle corresponde realizar un saque de banda, cando é falta e cando non. A arbitraxe é un curso de madurez acelerada. Estar nun terreo de xogo e interaccionar coas motivacións de 22 xogadores e todo o que o rodea. Dígollo sempre aos meus amigos, se puidera retroceder no tempo volvería a ser árbitro. E se tivera un fillo e quixera comezar a asubiar animaríao a probar. De feito penso que non habería mellor maneira de formar aos nenos que por un momento sentiran o fútbol dende a óptica arbitral. QPC - Como ves o nivel do arbitraxe na nosa zona? Que opinas da delegación que en Baio se está a ocupar de que aparezan árbitros costeiros? O fútbol Costeiro sempre estivo en desvantaxe respecto a outras zonas debido ás distancias coas delegacións de fútbol. De feito eu, se non chego a comezar os estudos en Compostela, seguro que non sería árbitro, pois tiña máis de 60 quilómetros de distancia ata as delegacións máis cercanas (Coruña e Santiago). A creación da Delegación da Costa é unha gran nova, un punto de inflexión para a arbitraxe na nosa zona. Dende a subdelegación baiesa que dirixe Víctor Recarei estanse a dar pasos moi importantes para captar novos colexiados. A primeira fornada de árbitros xa está comezando a súa carreira; sen esquecer aos compañeiros que nos representan en categorías nacionais, tanto en Terceira coma en Preferente Galicia (Bruno Méndez, Ordóñez Rodríguez, Rama Cotelo, Reborido...) QPC - Que é o que che resulta mais difícil de arbitrar? Os continuos cambios na reglamentación e o feito de que deixan moitas cousas ó voso criterio, como o das mans, dificúltavos moito a labor? A arbitraxe evoluciona constantemente e cada temporada xurden problemáticas ás que hai que dar resposta. Como afirmou un ex-árbitro o “fútbol é un deporte imperfecto onde só se lle pide a perfección ao árbitro”. E isto é algo moi complexo, xa que o erro é unha condición humana. O fútbol é un exercicio de contacto físico e iso conleva medir a forza empregada. Pero ao final pídesenos acertar. E acertar nas xogadas definitorias (nas áreas, nos foras de xogo e nas sancións disciplinarias). QPC - Necesitamos máis pedagoxía para que se acabe de apreciar na súa medida a figura do árbitro en xogadores e clubs, e público en xeral? Que podemos facer para mellorar neste aspecto? Se tivera a resposta... De seguro que se o afeccionado vira o traballo, a preparación e a formación á que se somete un colexiado nos entenderían mellor. Ou quizais non. Un árbitro é un deportista máis, un axente que perita o que acontece no terreo de xogo e que ao mesmo tempo ten que velar pola integridade das Regras de Xogo e o seu respecto. Nos seus inicios o fútbol entendíase como un deporte de cabaleiros no que non existía a figura do colexiado. Pero a medida que foi evolucionando e crecendo o que estaba e xogo a existencia do árbitro fíxose necesaria. E supoño que iso ven marcado pola sociedade, pola competitividade existente. E ese é xa un problema estructural. QPC - Seguro que sigues o fútbol da costa. Que che parece a actualidade costeira, cres que se está a facer un bo traballo ou quédanos moito por progresar? Aínda que rara vez poida intervir en partidos costeiros ao estar colexiado en Santiago (cando teño a oportunidade de dirixir partidos na Costa ínchame o peito pero tamén a responsabilidade) sigo as competicións semanalmente. Os luns miro as clasificacións e a información sobre os partidos. A Liga e a Copa da Costa son referentes no fútbol afeccionado en Galicia. Dende páxinas como Que Pasa na Costa e outras máis estades a facer unha labor impagable pola divulgación do noso fútbol. Falar do FÚTBOL DA COSTA por Galicia adiante é falar do fútbol con maiúsculas, falar do fútbol con paixón. Tamén no fútbol feminino, un partido top, Bilbao - Barcelona  

Comentarios