Preferente: Arde Lucus

12:21 27/02/17
De novo os equipos de Lugo foron un trago difícil para os costeiros Soneira e Sofán, que caeron ante Atlético Escairón e Polvorín respectivamente; o Xallas non tivo problemas ante un moi débil Sporting Sada
Gran ambiente no Carral para ver ao filial do Lugo - Foto: SD Sofán
Xallas 6-0 Sporting Sada
Campo: A Fontenla
Xallas: Coke, Christian, Rubio, Brais, Martín Barreiro, Canedo (Fernando m.46), Marcos (Doro m.55), Jesús (Manu m.74), Róber Pladur, Camilo e Kevin (Rachón m.61)
Sporting Sada: Vilariño, Martín, Adrián (Arturo m.46), Darío, Fran, Puyu, Barrio, Álvaro Queijeiro (Álex m.55), Pita, Rafiña (Adrián Florentin m.55), Chelo (Peque m.46)
Árbitro: Villaverde Mogo (Santiago). Amonestou a Crstian, Jesús e Camilo do Xallas; Puyu, Andrés do Sada
Goles: 1-0 m.5 Martín Barreiro; 2-0 m.16 Róber Pladur; 3-0 m.29 Kevin; 4-0 m.41Brais; 5-0 m.48 Róber Pladur; 6-0 m.61 Kevin
Un set sen arrugar o traxe
Non necesitou a súa mellor versión nin desgastarse en exceso o Xallas para superar a un Sporting Sada con problemas deportivos, institucionais e clasificatorios. Os combeses cumpriron o trámite e a goleada foi caendo prácticamente por inercia. A que resultaba primeira ocasión deu nun córner con centro de Jesús para que Martín Barreiro golease e de paso espantase calquera posible pantasma de inquietude. Xa en vantaxe, o cadro xalleiro adicouse a manexar a bola e controlar, sen apretar demasiado. Así, no que foi unha notable producción colectiva Róber Pladur empurraría a gol o segundo recén cumprido o cuarto de hora. Non había ningún atisbo de compricación, nin sequera por relaxación, fronte a un conxunto novo, inexperto e algo lánguido e fallón. Como botón o terceiro, anotado por Kevin, en forma case de invitación á crueldade. Caería o cuarto antes do intermedio, novamente nunha extremadamente sinxela conducción individual dun Brais que arrincaba en área propia e finalizaba a gol na contraria. O regreso dos vestiarios deixou dous tantos máis, pero con media hora aínda por xogarse o Xallas decidiu que a ferida debía deixar de sangrar e non apretou máis.
Atlético Escairón 3-1 Soneira
Campo: O Saviñao
Atlético Escairón: Javi, Borja Castro, Pedro Díaz, Iago Otero, Basán, Marzán, Anxo, Rubén Díaz (Denis, min. 53), Calo (Aitor, min. 89), Iván e Quiroguita (Varela, min. 70)
Soneira: Anxo, Darío (Óscar, min. 63), Jota, Aarón Fernández, Mayor (Richi, min. 72), Óscar de Maema (Iago, min. 85), Javi, Vía (Dani Casal, min. 72), Rubén Forján, Pichi e Brais
Árbitro: Domenech Escandell (Pontevedra). Amonestou a Rubén Díaz, Rubén Cidre, Pichi, Aarón Fernández, Dani Casal e Josiño
Goles: 1-0, min. 6 Calo; 1-1, min. 33 Rubén Forján; 2-1, min. 39 Calo; 3-1, min. 89 Denis
Moi costa arriba
Nova visita do Soneira a Lugo con resultado de derrota. Os vimianceses caeron esta vez ante un Atlético Escairón inmerso na tranquilidade clasificatoria e que xogou precisamente con esa pouca presión para levar o choque ao terreo que máis lle conviña. O certo é que en termos xerais o conxunto costeiro non foi peor que os seu rival, e mesmo na primeira metade tivo máis oportunidades de perigo, pero non é o ano dos brancos, que cando enfilaban os vestiarios co empate no peto lamentaron como o protagonista da tarde, David Calo, poñía en vantaxe aos seus. Esta vez, ademais, o tanto resultou un erro clamoroso por falta de entendemento entre a defensa e o gardamallas soneiráns, con pillería incluída de Calo. Tentaron os de Víctor Pazos dar varios pasos adiante na reanudación, pero o oficio e a comodidade do resultado dos monfortinos favoreceron a resistencia. Xa co Soneira volcado, e pouco antes do final, David Calo faría esta vez de asistente para colgar un centro ao área, onde Denis, libre de marca, faría o terceiro e definitivo tanto.
Sofán 0-2 Polvorín
Campo: O Carral
Sofán: Fedeyo, Iván Rey, Mespollet, Sito, Sera, Seo, Fabián, Álex Figueiras (Eibe m.76), Franchu (Adrián m.72), Luis (Rubén m.84), Raúl (Brais m.46)
Polvorín: Cacharrón, Asier, Edgar (Xoel m.89), Pedro, Óscar, Julio, Fraga (Duque m.73), Marcos, Cuadrado (Yeray m.86), Renda, Javi Rey (Adrián m.91)
Árbitro: González Fernández (Vigo). Amonestou a Brais, Fedeyo, Luis e Fabián do Sofán; Cuadrado e Julio do Polvorín
Goles: 0-1 m.72: Cuadrado; 0-2 m.87: Duque
Un filial de armas tomar
O Polvorín, convertido recentemente en filial do Club Deportivo Lugo, conquistou O Carral cunha demostración de virtudes e talento que convirten en incontestable o seu triunfo. E non foi porque os carballeses non estiveran ao seu nivel ou serios. Aínda que virxe de goles, a primeira metade foi prolífica en oportunidades, especialmente por parte visitante. Madrugador foi o dobre erro de Fedeyo primeiro e do visitante Fraga despois á hora de remachar, o que facía intuir unha cita xa difícil. Álex Figueiras, un dos máis activos dos carballeses, respondería cunha vaselina que por centímetros non se convertiría no tanto local. Na mesma arte tentouno Javi Rey para aproveitar un erro defensivo dos sofanistas, pero non contaba coa condición felina dun Fedeyo que desviaba a córner. O meta tamén desarticularía unha tentativa de Cuadrado. Aínda disfrutarían de tres máis antes do intermedio os visitantes. Non variou demasiado o panorama no acto de clausura. De novo Fedeyo converteuse no salvador dun filial que no cómputo global chegou á decea de oportunidades, e que non deu coa fórmula do gol ata os vinte últimos minutos. Cuadrado aproveitaba un balón morto para superar, esta vez si, ao meta local. Xa en vantaxe, Duque resolveu cando máis buscaba o tanto o Sofán.
