Repasamos xa, unha vez ollado o parte de sancións, todos os encontros do fútbol da Costa para esta fin de semana de 14 e 15 de xaneiro de 2012. Na Preferente o Dumbría poderá facerlle un favor ao Soneira ademais de seguir escapando da zona baixa, se vence ao Unión. Pero o Soneira terá que sumar ante un dos da zona alta, o Grixoa. O partido da fin de semana será Laracha-Santa Comba, 3º contra 4º con tan só un punto de diferencia entre ambos. Pola súa banda o cadro de Iván Cancela poderá alcanzar ao Dubra se o supera en Fontenla.
Os partidos da 1ª serán fundamentais. O Cee poderá saír do farolillo se vence ao VIllestro, ao que ten a 2 puntos. Ademais, o Ponteceso enfrontarase a un rival directo tamén na loita por evitar o descenso como é o Cariño, empatado a puntos cos de Marco.
A Liga da Costa trae unha xornada sen grandes enfrontamentos. Se cadra o Camariñas - Baio será o encontro máis interesante, no que o 4º porá a proba aos de Manolín.
Sen embargo, a xornada da 3ª, como todas as semanas, si que trae enfrontamentos importantes. O máis salientable será o que disputen o líder, Cabana, co 3º, o Coristanco, nas Redondas o sábado. O Carnota-Outes tamén será ben interesante.
As Ligas Xuvenís chegan á súa recta final e a loita por entrar entre os 4 primeiros segue a ser o foco de atención. Polo sur, o Cee poderá cantar o alirón se saca, alomenos, un punto da visita do Santa Comba. Un Santa Comba que precisa gañar para non quedar fóra dos 4 postos, pero quetamén se beneficia de que hai outro choque directo: Soneira-Outes, i é que xalleiros, soneiráns e os outienses están nun pano con só un punto de diferencia entre eles.
Polo norte, descansa o líder, o Malpica, que podería celebrar o título se o Dumbría B non gaña ao Muxía, algo pouco probable. Dos outros 3 que loitan polas prazas de arriba, o Camariñas será o que o teña máis complicado ante o Cabana, pois o Ponteceso recibe ao Coristanco e o Baio ao Laxe, en partidos, a prioiri, sinxelos.
En Cadetes, haberá un choque no máis alto entre Dumbría e Santa Comba. Mentres que en infantís os líderes Cabana e Dumbría, enfrontaranse a Santa Comba (5º) e Con. Carnota (6º), mentres que o Cee, que está a tan só 2 puntos dos de arriba, visitará Esteiro para enfrontarse co 7º clasificado.
Volven ademais as Ligas de Veteranos, cun Corcubion que intentará manter o liderato da 1ª División ante o Cabana, mentres os seus perseguidores, San Román e Castriz, enfrontaranse a Zas e Camariñas.
Na 2ª, os destacados Soneira e Coristanco terán enfrontamentos con equipos da zona morna, como son Camelle e e Leiloio.