Tralo acto de agradecemento a todos os colaboradores de QPC, celebrado este pasado sábado 26 de novembro, e no que o fútbol da Costa estivo presente dende Muros a Cerqueda, seguimos a pé do cañón achegando a actualidade futboleira.
E comezamos o repaso á xornada por arriba. Case pleno na Preferente na que só o Soneira caeu dos nosos. Foi caer ademais o cadro de Miguel nin choque clave ante O Val que estaba 1 punto por debaixo e que agora o rebasa e o deixa ao borde da zona de descenso. Pola súa banda, o Santa Comba segue en zona de promoción de ascenso e se achega ao Narón que caía ante o Unión, pois o Compostela segue intratable. O Xallas vencía e segue nunha comodísima 8ª praza, mentres que o Dumbría acadaba 3 puntos fundamentais que o tranquilizan.
Non foi boa a xornada, como se podía prever para os Cee e Ponteceso na 1ª. O Cee caía na casa ante o Olímpico malia facer un bo partido e carecer, coma ultimamente, de boa puntería. O Ponteceso sacaba un empate do difícil campo de Carral.
A xornada na Liga da Costa comezaba o sábado coas vitorias fáciles de Fisterra e Club do Mar e o empate entre Malpica e Dumbría B. O Camariñas non perdoaba ao Mazaricos e continúa líder en solitario con 5 puntos de vantaxe sobre os caioneses e 8 sobre os fisterráns. O Muros, a 1 punto do equipo da vila do Cristo, vencía en Corme e parece que abre a fenda entre os de arriba e os da zona media, deixando precisamente aos cormeláns a 5 puntos.
Por abaixo, a cousa segue apretada, e entre o 10º, o Malpica, e o penúltimo, o San Lorenzo, só hai 4 puntos de diferencia.
Na 3ª da Costa a xornada foi importante. O Cabana aproveitou o tropezo do Coristanco en Corcoesto para poñerse líder. O Outes, que vencía ao Pereiriña, é agora 2º, por diante dos coristanqueses. E xa chega o Carnota, que vencía en Ara Solis, e supera ao Montelouro que caía no intenso derbi muradán ante o Volantes. Os de Baño tamén se meten entre os 6 primeiros, praza pola que tamén loitarán Cerqueda, Porteño e Fisterra B.
Poucas novidades en xuvenís, onde o Cee segue mandando no sur, e o Malpica polo norte. Pero parece que en mabas ligas o interese estará nas 3 prazas restantes, para as que hai 4 candidatos en cada liga. Fisterra, Soneira, Outes e Santa Comba pegaranse polo sur e Dumbría B, Baio, Ponteceso e Camariñas farán o propio polo norte.
Cómpre destacar tamén o encontro da 2ª infantil entre Cabana e Dumbría, que enfrontaba a dous equipos imbatidos tras 10 xornadas demostrando que son os que mellor coidan a canteira da Costa da Morte. Finalmente o Cabana deu primeiro e batiu cun 3-2 aos dumbrieses polo que se adiantan na táboa.