Non foi mala a xornada para os nosos na Preferente. 2 vitoras e 2 empates, que deixan aos nosos en cómodas posicións. Para cómoda a do líder, o Bergantiños, que volvía vencer na casa e segue líder con 22 puntos. Con 19 puntos e na 3ª praza, por detrás do Ribadeo, está o XSC, que superaba con relativa comodidade ao Dubra. Precisamente o Ribadeo deixouse 2 puntos en casa ante o Dumbría, un empatiño valioso para que os de Canosa non se descolguen da zona de ascenso, quedando 8º con 14 puntos. Mentres, o Soneira acababa outro meritorio empate en Viveiro, quedando 15º con 8 puntos, iso si, só cun punto de vantaxe sobre o descenso.
Na 1ª Autonómica, o Baio álzase á 3ª praza, aí é nada, tras vencer ao Arzúa. Impresionante o cadro de Félix, que mesmo adianta a un Malpica que non pasou do empate en Sigüeiro, quedando os baieses con 14 puntos por 13 do Malpica, a 4 e 5 respectivamente do líder. Un Noia que daba conta do Camariñas na casa, nun choque con poucas opción spara os de Berto. A Esteirana volveu de baleiro do choque ante o filial do Bertamiráns, mentres que o máis necesitado, o Ponteceso, tampouco sacaba nada positivo de Piloño, e queda pechacancelas da categoría.
A 7ª xornada da 2ª Autonómica deixa cousa interesantes. Como o feito de que o Outes siga sen baixar o pistón. E xa son 7 de 7 e 5 puntos de vantaxe sobre o 2º, que hoxe xa é o Sofán, tras vencer apuradamente ao Camelle e aproveitar o empate do Cee en Muros, tras remontalo partido e ver como lle empatana ao final. O Fisterra queda a 2 puntos de carballeses e ceenses tras vencer ao Castriz nun dos partidos máis importantes da xornada. O potencial dos verdes e Ara Solis foron claves para superar ao cadro de Corredoira na táboa. Entre uns e outros queda o Zas, que se aproveitaba dun Corcubión no que estreaba posto Senra. Ademais, o Corme vai entonándose e puido no Cairo ante o IDC, quedando aínda aí o Porteño, que se desinfla pero se mantén. Por abaixo, primeira vitoria do Cabana, ante o Mazaricos, deixando en descenso ao San Lorenzo, que sufría unha dura derrota, abultada nos minutos finais, en Buño, e o Corcubión.
E arrincaba a 3ª Autonómica aínda que sexa só cun partido adiantado e por mor dunha boda. O Montelouro-Laxe abriu esta curta tempada, nunha categoría con 12 equipos, colocándose o cadro loureán de ˝líder".
Nos Xuvenís, polo Grupo 3, o Dumbría parece que se relaxaba na súa visita ao Muros e non pasaba do empate, ante un cadro local tremendamente serio. Os dumbrieses quedan só con 1 punto de vantaxe ante o Fisterra, que goleaba ao Mazaricos, e 2 puntos sobre a Esteirana, que tamén facía un sete ao Soneira. XSC e Cee descansaban e o Outes tamén goleaba ao Lira. Polo Grupo 4, novo cambio de líder. Agora é o Malpica, un dos que parece máis fórtes, o que toma as rendas do liderato tras vencer con rotundidade a un dos rivais, o Ponteceso, e aproveitando que o Corme descansaba, e que queda un punto por debaixo. O Cabana, que gañaba hoxe ao Coristanco, queda a 2 do líder e 1 por riba do Ponteceso.
Na División de Honra Cadete segue o Dumbría facendo un papelón e se mantén 4º tras 3 grandes como Celta, Deportivo e Pontevedra, tras vencer ao Ponte Ourense. Tamén gañou o Dumbría da Liga Galega Infantil, que sobe ata a 12ª praza. O Bergantiños goleaba ao pechacancelas, e o XSC aínda non sabe o que é sumar.
Xa podedes ollar os Cuartos da I Copa da Costa Cadete tralo remate da primeira fase. Mentres, en Infantís Cee e Corme seguen imparables, con 6 de 6. O Fisterra ségueos de preto.
Ademais, en Veteranos, a cousa segue moi igualada no alto da 1ª División. O Coristanco mantense líder tras vencer ao Laxe nun partido de poder a poder, onde os dous equipos chegaban no máis alto. Agora o Laxe queda 4º, por detrás do Baio, que empataba cun Soneira que parece que comeza a carburar, e o San Lorenzo, que caía ante outro que parece que espabila, o San Román. Por abaixo, o Dumbría disfrutaba da súa primeira vitoria da historia na categoría. Na 2ª División o Milagrosa segue intratable, e Corcoesto e Malpica intentan manter o seu imponente ritmo.