Mércores. 01.05.2024
El tiempo

Preferente: Unha sorpresa e triple derrota

Preferente: Unha sorpresa e triple derrota

8ª xornada na Preferente que nos deixou unha relativa sorpresa e varias derrotas. Sorpresa a do Soneira, que derrotaba a todo un Bergantiños, que chegaba ao Municipal con 5 vitorias e un empate. Vitoria que lle sabe de ouro ao cadro soneirán, que sae dos postos de descenso.
Malia derrota o Bergan mantén o liderato. E caían tamén, inesperadamente os XSC e Dumbría, ante equipos teoricamente inferiores. Pero así e todo se manteñen na zona noble da táboa, os xalleiros de 3º a 3 puntos do líder, e o Dumbría 6º a 6.

Soneira - Bergantiños (2-1)

Os xogadores do Soneira celebrando o segundo tanto ante o Bergantinos-Foto-Oscar Santos
  • SONEIRA: Martin, Chans, Brais, Mayuyo, Sito, Riki, De La Sierra, Richi, Leo, Javito e Baba. Tamén xogaron: Quilmes, Iván, Canosa, Fran e Pichi.
  • BERGANTIÑOS: Cristofer, Alberto Piñeiro, Alex Canedo, Sergio, Dani Becerra, Alex Figueiras (Toni, min.46), Josiño, Luís, Souto, Gonzalo, Alexandre (Iván Amor, min.46).
  • Goles: 1-0, min.15: Baba; 2-0, min.30: Mayuyo; 2-1, min.60: Sergio.

Chegaba ao Municipal de Vimianzo un dos equipos de referencia da Costa e do fútbol galego, e facíao como líder invito. Pola contra, o Soneira chegaba mermado polas baixas e pola dolorosa derrota da semana pasada. Todo facía indicar que non era o mellor escenario para que os locais puntuaran. A motivación extra que tiñan os soneiráns ante tanta adversidade fixo que o choque se igualara moito. O público, numeroso na tarde de onte, como xa facía tempo, foi fundamental na vitoria local, xa que na segunda metade, cando o Bergantiños conseguíu reducir distancias no marcador, apoiou moito ao seu equipo.

A primeira metade foi moi completa por parte dos xogadores de Felipe, apenas pasaron apuros na súa área, fixeron un gran derroche en defensa e tiveron boas ocasións de gol. O primeiro gol xurde dunha boa xogada colectiva, o balón chega aos pés de Leo, que de costas á portería deixa o balón cara atrás para a chegada de Baba, que de disparo raso bate ao meta visitante. Pouco despois, un córner é rematado no segundo pao de cabeza por Mayuyo, o muradán elévase moi ben entre a alta defensa dos carballeses e cruza o balón, ante o que nada pode facer o meta Cristopher. O equipo branco e a súa afeción non se podían crer a situación, pero era froito dunha gran intensidade e solidariedade defensiva entre os xogadores.

Tralo descanso, o líder saíu disposto a reducila distancia no marcador. Aumentaron a intensidade, pero a presión dos locais non cesou. A balón parado intentaban sacar vantaxe da súa maior envergadura, pero Mayuyo e Baba estiveron inconmensurables. Aínda asi, nunha xogada a balón parado, o esférico cae nos pés do central Sergio, que bate a Martín, porteiro que suplía a baixa do sancionado Víctor, e que fixo un partido sobresaínte no seu debut esta tempada.
Foi a partires deste momento, cando a presión do público foi vital na vitoria soneirán. Os visitantes, co paso do tempo íanse desquiciando coas perdas de tempo dos locais e coas ocasións de gol mal logradas, entre elas, un tiro ao longueiro de Josiño. Á contra, os homes de Felipe Candamo puideron sentenciar o choque, pero non estiveron finos na definición, sobre todo Javi, nun tiro de falta que detivo o meta visitante e un tiro dende o frontal da área que se foi a rentes do pao.

Co pitido final, a euforia desbordou nos seareiros e xogadores locais por sumar 3 puntos vitais ante un rival da potencia do Bergantiños.

San Tirso - Xallas StComba (2-1)

  • XSC: Diego, Rubén Forján, Héctor, Alberto, Rubio, César (Maneiro, min.70) (Pablo, min.90), Yess, Isma (Marquitos, min.55), Fon, Darío (Cristian, min.65) e Richi (Toño, min.55).
  • Goles: 1-0, min.44; 2-0, min.50; 2-1, min.70: Héctor.

Non se adaptou o Xallas de Santa Comba ao campo de San Tirso, que malia chegar penúltimo á esta xornada deu a sorpresa ante un cadro xalleiro que quería achegarse ao líder.

Tras unha primeira metade algo brusca, lenta e con moito balón arriba, o cadro local atopouse con dous tantos, un antes e un despois do descanso, tras xogadas a balón parado. Tocaba poñerse o mono e traballar, e o equipo de Julio Martínez peleou, mandou balóns directos e se meteu no partido. Héctor recurtou e os últimos 20 minutos foron de asedio visitante pero sen sorte cara gol.

Dumbría - Sp. Sada (0-1)

  • DUMBRÍA: Julián, Rudi (Dani Casal, min.46), David Carreira (Rivi, min.60), Aarón Fdez., Pablo Conde (José, min.75), Aarón López, Adrián Makkay, Jota (Jesús, min.75), Doro, Iago, Pablo Muíño.
  • Gol: 0-1, min.12.
  • Expulsión: o dumbriés Jesús por doble carón no min.85 e un xogador visitante un minuto despois.

Inmerecida derrota tamén a do Dumbría, que o intentou durante 80 minutos pero que non puido romper a barreira sadense. O gol inicial dos visitantes deixaba o partido a mercé do que fixera o Dumbría. O Sada armouse atrás, intentando saír nalgunha contra pero sen deixar espazo algúm.

Probou de tódolos xeitos o cadro de Canosa: combinando polo medio, buscando as bandas, con balóns directos a Pablo Muíño e Doro... pero non había xeito de entrar e facer dano.

As mellores ocasións chegarían contra o final cun remate de cabeza de Pablo Muíño e un chut dende fóra da área de Adrián Makaay quenon entraron por pouco.
Suma así a súa primeira derrota na casa ocadro dumbriés, pero se mantén na zona noble.

O Album de cromos do #FutboldaCosta

Máis información

Crónicas da semana

Artigos relacionados

Fonte

  • Redacción de QPC Deportes ([email protected]).
  • Crónica do Soneira-Bergantiños de Óscar Santos.

Comentarios