Nova xornada de Fútbol da Costa repleta de partidos e non exenta de polémica, como veremos na 1ª Autonómica. E comezamos o completo repaso ás Ligas pola Preferente, onde houbo un pouco de todo. O Dumbría daba a de cal, con 3 puntos importantes alonxando a zona de abaixo. Iguala a 27 puntos cun Xallas que mantivo un punto ante un forte Dubra, nun encontro de poder a poder. Os que non sumaron foron o Santa Comba, segunda derrota consecutiva pero aínda na 4ª praza; e o Soneira, que non puido superar a un forte Grixoa.
Na 1ª ademais da importantísima vitoria do Ponteceso e que lle permite ascender á 12ª praza, o protagonismo foi do colexiado do Cee-Vilestro celebrado en Ara Solis. O encontro foi suspendido con 0-1 no min.79 nun momento no que a lesión forte nun brazo do ceense Mario fixo saltar ao banco ceense. O colexiado, entendendo que se trataba dunha invasión de campo marchou correndo para os vestiarios e nin quería abrila porta cando chegaron os Gardas Civís. Malas novas para este Cee que ve, como cumprindo o exilio, un novo colexiado méteos en problemas.
A Liga da Costa segue igual. O Club do Mar e o Fisterra non fallaban o sábado, e hoxe o Camariñas fixo o propio ante un enorme Baio que puxo en verdadeiros problemas aos de Manolín. Agora 4º é o Corme tras vencer pola mínima e con moitas dificultades ao Corcubión. O Malpica tamén gañaba e se mete preto da 4ª praza. Por abaixo, importante a vitoria do Zas na volta de Corredoira a San Andrés, e que o saca ata a 14ª praza. Os que non sumaron foron O Pindo, nin Nantón nin Mazaricos, que están con 14 e 15 puntos, xa por debaixo do San Lorenzo de Verdillo que vencía á Esteirana dando un paso de xigante o cadro de Chema Eirís.
Na 3ª Autonómica había choques importantes que se saldaron, sorpredentemente con goleadas. O líder, Cabana, afiánzase tras vencer ao Coristanco, e xa saca 4 puntos ao 2º, o Carnota, deixando a Outes e Coristanco a 5 puntos. Precisamente o outro choque da semana era o Carnota-Outes que acaba cun 3-0 para os de Cambeiro que os reafirman como unha auténtica candidatura firme ao ascendo. O Montelouro non se despista e vencía pola mínima no complicado campo de Laxe. Quedan a 6 puntos dos loureáns o Volantes, que vencía con serias complicacións ao Xaviña; o Porteño que non escatimaba no derbi ante o Camelle; e o Cerqueda, que non pasaba do empate ante o filial soneirán.
As Ligas Xuvenís tamén foron protagonistas esta fin de semana. Como anunciabamos onte, o Cee proclamouse campión da Liga Xuvenil Sur tras vencer ao Santa Comba. Ademais, o Fisterra tamén confirmaba a súa presencia na seguinte liguiña polo ascenso á Liga Galega. Agora, a falta de 2 partidos, a loita queda entre Soneira, Santa Comba e Outes, cun punto de diferencia entre ambos. A semana que vén o Santa Comba-Outes será clave. Polo Norte, o Malpica está a 1 punto de cantar o alirón, pero o Dumbría B segue detrás a 5 puntos. Camariñas, Baio e Ponteceso xogaranse as dúas prazas restantes, téndoo máis difícil o cadro de Mato, que está 5º a 2 puntos do Baio e a 4 do Camariñas, ademais de terse que enfrontar a vindeira semana ao Dumbría B.