Pasada por auga esta xornada do Fútbol da Costa, con máis de 80 partidos en competición.
E comezamos a análise da xornada pola Preferente - Senra Sport, con sorte dispar para os nosos. O Dumbría conseguía manter os os puntos na casa vencendo ao Riveira, e sobe ata á 7ª praza, sumando 19 puntos. Pola contra, o XSC non trouxo nada do difícil campo do Negreira, 2º na táboa, e queda na 12ª posición con 15.
A xornada tiña o foco de atención na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, cun novo derbi. no que o Sofán demostrou por que está de líder, con 4 puntos sobre Villestro e Baio. Os carballeses seguen facendo do Carral un fortín, e non deixaron roubar o primeiro punto nin a un Malpica que chegaba moi forte nas últimas xornadas. Non quixo perder comba o Baio, e volvía cos 3 puntos de Sigüeiro. Temos que baixar ata a 13ª posición para atopar ao seguinte costeiro, un Soneira que só mantiña un empate ante o colista Silleda. O Malpica ten un punto menos que os soneiráns, e están empatados cun Corme, que conseguía romper unha xeira de 5 derrotas consecutivas cun empate que sabe a vitoria en Agolada, despois dunha espectacular remontada na segunda metade tras ir ao descanso con 3-0 en contra.
Xa na 2ª Autonómica - ES Bazarra, o líder, San Lorenzo, afianza a súa posición tras vencer nada menos que en San Andrés ante o seu inmediato perseguidor, un Zas que non puido co poderío físico dos de Verdillo, quedando xa a 4 puntos, empatados cun Castriz que non fallou ante un gran Outes, noutro dos choques xa xornada. Ademais, chama a atención o 1-6 que o Fisterra sacou do San Paio de Refoxos nun dos derbis históricos da Liga da Costa, pois ademais chegaban os dous equipos con liñas dispares. Por abaixo, Camelle e Montelouro sacaban un puntiño nas Redondas e en Agra da Figueira no derbi muradán ante o potente Volantes.
Xornada importante na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. O Ameixenda non puido cun gran Cerqueda. que fixo un partidazo en Cee colleitando un empate ante o líder. Por detrás, a 7 do cadro ceense, Corcubión e Coristanco asinaron un igualado empate. O Lira acabou coa súa mala xeira no debut de Javier no banco liracho, trala marcha de Pedrosa, vencendo en Laxe. Ademais, o Castrelo demostrou que non vai ser nunca máis a cincenta da categoría gañando ao Nantón e case que meténdose na loita polas prazas de Promoción.
Voltas na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte. Se o Dumbría segue firme por arriba, na loita polas 2 prazas restantes está máis quente que nunca. Os Miúdos e Esteirana caían ante XSC e Fisterra, aprenando a cousa e deixando 6 equipos en 7 puntos. Polo Norte o Cabana non para, e detrás pegado o Camariñas, que venceu o derbi máis interesante dos últimos anos na categoría ante un fantástico Porteño, que aínda así completa o trío de cabeza. O Coristanco empataba no Pinguel ante un Ponteceso que quere meterse na loita, mentres o Corme vencía o Zas e se coloca a un partido da promoción.
Nas Ligas Autonómicas, malos resultados para os dumbrieses e gran paso do XSC da Liga Galega. Xa nas Ligas locais, non fallaron os de arriba na 1ª Cadete, mentres na 1ª Infantil, o XSC non perdoou ante o Zas e amplía a vantaxe a 4 puntos sobre Os Miúdos, que descansaban, e Fisterra.
Cambio de líder na 1ª División dos Veteranos. O Coristanco, actual campión, aproveitou o tropezo do Hosgran ante o At. Milagrosa para poñerse de líder, despois de superar ao Castriz. Ollo cos coristanqueses, que suman 20 puntos, os mesmos que os cabaneses do Hosgran, pero cun partido menos e sen aínda coñecer a derrota. O Zas mantense a tiro, igual que o Dumbría, que descansaba. Na 2ª División había choque directo no alto da táboa, e o Agualada sae máis líder tras vencer 3-2 ao Erbecedo, que queda a 4 puntos, empatado co Porteño, que non fallaba ante o Dep. Carballo. O San Isidro-Razo non quere perder comba.