Última xornada de marzo e o Fútbol da Costa demostrou a súa mellor cara, con partidazos en moitos campos costeiros.
Peor case non puido ser a xornada na Preferente. O Dumbría non pasaba do empate en Riveira e o Silva arrebátalle esa 4ª praza que dá acceso á Promoción. Ademais, novas derrotas do XSC e Soneira, que os deixan ao borde do descenso.
Un par de arrastres que influiría na 1ª Autonómica, cun Ponteceso e un Camariñas que cada día o teñen máis complicado. Había doble derbi, e o Malpica levou os puntos de Camariñas para seguir loitando pola 2ª praza, mentres o Baio superaba á Esteirana, un cadro blaugrana que aínda non se pode deixar levar.
Espectacular a xornada na 2ª Autonómica. O líder Corme non o tivo tan fácil como esperaba ante un Corcubión case descendido, pero segue sen perder dende a xornada 11. Por detrás, o Sofán vibrou cun partidazo no Carral ante o Cee, que conseguía remontar un 3-1, para poñerse por diante, pero acabou sucumbindo ante a puxanza dos carballeses. Con algo de polémica empataba o Zas en Outes, marcando con 5 minutos sobre o tempo regulamentario, e con unha pequena tangana, tras un partido intenso, e unha arbitraxe mala para ambos. Aí está a Liga. Por abaixo, vitorias importantes de Porteño e Camelle que os achegan á zona tranquila, pero de haber dous arrastres, aínda serán os camelláns os que acompañen a Muros, que non puido vencer ao Cabana, e Corcubión no descenso. A cousa tamén está tremendamente intensa por abaixo.
Como se pon a cousa de cara a última xornada na 3ª Autonómica. Na loita polo título, Baíñas e Montelouro non fallaron e se xogarán o campionato en Agra da Filgueira a vida ou morte. Pero é que a loita pola Promoción está que ferve. O Coristanco asinaba o seu pase ao Play Off cunha cómoda vitoria ante o Castrelo. Tamén o Lira certificaba a súa presentacia na seguinte fase vencendo en Laxe, ao ter o golaverage individual co Seaia a favor. E o Ameixenda ten case a praza reservada, a pesar de caer onte ante o cadro muxián. Quedan pois dúas prazas para 4 equipos. Ameixenda e Muxía partirán como favorito. Quedan fóra a día de hoxe o Seaia e o Nantón, a 1 e 2 puntos do Muxía. E para a última xornada, Muxía-Seaia en todo o alto. O Nantón terá que vencer ao Laxe e esperar que Muxía e Seaia empaten, pois se co Ameixenda non ten o golaverage, si que o ten co Muxía. Un triple empate entre Ameixenda, Muxía e Nantón deixaría ao cadro ceense fóra, tras estudiar os 6 partidos entre eles.
Xa en Cadetes, e tralo susto da semana pasada, o XSC non quere máis tropezos e goleaba ás Baleas, quedando agora con 5 puntos de vantaxe sobre o 2º, un Cabana que non pasaba do empate en Muxía, 6 sobre o Fisterra, que caía ante un Muros que queda 4º a 7 do líder.
Disputouse ademais a Previa da I Copa da Costa Infantil, con Muxía, Fisterra e Corme dando pasos adiante cara a seguinte rolda. Xa podedes ver todos os cadros en www.copadacosta.com.
E importantísima a xornada nas Ligas de Veteranos. Na 1ª, o Coristanco ten o título na punta dos dedos, logo de vencer en Ponteceso e aproveitar o empate do Soneira en Muros. Os verdes suman 6 puntos máis que Bértoa e Soneira a falta de 3 xornadas. Ademais, en 2ª, o Milagrosa certificou o seu ascenso e o Corcoesto poderá asinalo a vindeira semana, e ocuparán os postos de Nantón e Camariñas Vet..