160 deportistas e os seus cans danse cita na II Copa de España Mushing Concello de Dumbría

Esta fin de semana de 8 e 9 de febreiro Dumbría volve acoller unha proba de ámbito estatal. O Concello dumbriés ratifica coa organización da II Copa de España Mushing Concello de Dumbría a súa aposta pola diversificación deportiva e polo deporte de alto nivel como motor de desenvolvemento local, de posta en valor do territorio e de promoción turística de toda a comarca.
Ademais de recibir a atención de medios especializados de todo o estado, a comarca recibirá 160 deportistas (moitos con familia) para participar nesta proba organizada polo Concello e o Club Alejandro Gómez, que se celebrará nos montes de Buxantes (Dumbría). Persoas e cans, chegados desde Andalucía, Cataluña, A Rioxa, Euskadi, Navarra, Aragón, Castela e León, Madrid, Asturias e Galicia, loitarán por imporse nesta proba nacional.
Entre os deportistas inscritos, destacamos a presencia de dous campións do mundo: César Castaño e Carla Mas.
Unha proba avalada pola Federación Española de Deportes de Inverno, así coma pola Federación Galega, onde o benestar dos animais é un aspecto primordial, contando coa presencia continua de equipos veterinarios que supervisan o evento.
O circuito
Este ano o circuíto incorpora novidades, cun trazado renovado e divertido de 4 km que discorrerá polos montes de Buxantes. Será máis vistoso e accesible para o público que se achegue para gozar deste espectáculo deportivo e tamén será máis cómodo para os participantes.
A organización dos horarios de competición está adaptada a buscar as mellores condicións climatolóxicas para a participación dos animais, que non poden competir se as temperaturas superan os 16ºC. Por iso a proba de desenvolverá entre as 9:00 h e as 13:00 h.

Xa na tarde do venres, de 16:00 a 20:00 h, os participantes poderán pasar polas instalacións do Conco para recoller os dorsais. Será unha proba na que se poderá desfrutar das seguintes disciplinas encadradas no mushing terra:
- Seguido do Bikejoring (o deportista vai en bicicleta unido cunha liña de tiro con 1 can).
- Ds2 (o deportista vai en patín cunha liña dobre unida con 2 cans).
- Ds1 (o deportista vai unido cunha liña de tiro con 1 can).
- Canicross (onde o deportista vai cun cinto e liña de tiro co seu can).

Dende o Concello animan á veciñanza a achegarse ata Dumbría para vivir de cerca este evento deportivo. O acceso realizarase a través da estrada DP-2302, que une Hospital e Cee (entre a fábrica de Xeal e o cruce da Filgueira – Buxantes). Alí contarán cunha zona de aparcamento para poder deixar os seus vehículos.