Barranquismo de risco pola Fervenza do Ézaro


De incrible a fazaña que vimos de vivir o equipo de QPC. Un grupo de 3 intrépidos desafiaron as leis da natureza e descenderon rapelando a Fervenza do Ézaro. Unha sesión de barranquismo máis que perigosa, pero que de seguro fai sentir aos valentes coma heroes.
E todo chega trala reapertura da Fervenza do Ézaro, vista como unha triste nova polos amantes do barranquismo, pois a seca do treito do río entre a presa de Santa Uxía e a cascada deixaba unha paraxe única para a práctica de deportes de aventura.
En QPC xa temos feito barranquismo polo río Brens e polo río Miñóns, pero esta afrenta parecía imposible. De feito, o corazón dos turistas que se achegaban pola zona a disfrutar da cascada libre mentres os homes facían a baixada tremía cun dedo preparado para pulsar o 112.
De Negreira ao Ézaro
Os valentes trátanse de 3 afeccionados aos deportes de aventura de Negreira, Pablo Fadeville, David Mariño e Sergio.
Os tres descenderon a primeira parte, repousaron e cambiaron as ancoraxes para unha pequena coviña que hai no medio e medio da fervenza, e descenderon, como puideron, os últimos metros de caída.
Unha vía complicada
Falamos cunha das empresas da zona para preguntar pola perigosidade da aposta. Dende a empresa ceense Atlantis Adventure apuntan que é demasiado complicado para facelo, e moito menos con público. Cóntannos que fixeron probas con troncos do peso dunha persoa, "e o tronco sae disparado. Ti non podes levar á xente, só especialistas, pois as persoas que non estean acostumadas non aguantan a forza do río", apuntan dende a empresa.
Deste xeito, cómpre sinalar que esta afrenta está reservada para auténticos especialistas escaladores. Iso si, hai algún escalador que fala co sol, que ten todavía algunha sorpresa preparada...




Novas relacionadas
- De barranquismo polo río Miñóns.
- A Costa da Morte afía o vento para a I Travesía de Kitesurf.
- A bitácora da semana (CVIII): Dile al sol .
- De barranquismo en Ameixenda .
- Resucitou a Fervenza do Ézaro.
- Bombeiros de todo o país colocan Ponteceso no centro do deporte multiaventura .
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).