Martes. 30.04.2024
El tiempo

A Deputación aproveita Dumbría para poñer en valor o POS

Comitiva da Deputacion por Dumbria
A Deputación aproveita Dumbría para poñer en valor o POS

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou na xornada de onte o Concello de Dumbría xunto coa deputada provincial de Obras, Mónica Rodríguez, onde mantivo unha reunión co alcalde, Raúl González, e membros da corporación municipal para analizar os investimentos levados a cabo pola institución provincial no municipio e as posibles futuras actuacións.

Durante a súa estadía Formoso subliñou que desde a súa chegada ao goberno provincial “a Deputación investiu en Dumbría máis de 15,3 millóns de euros, dos que máis de 6 millóns se corresponden co Plan Único, o principal programa de investimentos provincial”.

“Con cargo a este programa, a Deputación contribuíu á mellora de diversos núcleos rurais do municipio a través de pavimentacións ou servizos como o de abastecemento de auga ou de renovación da iluminación pública. En total realizáronse 53 actuacións, que axudan a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Nese sentido, Formoso lembrou que “o canon de auga que os veciños e as veciñas lle teñen que pagar á Xunta de Galicia a través das facturas non se reinviste” e reclama que “un 50 % dos impostos recadados sexan utilizados para renovar as redes de abastecemento e saneamento dos concellos”.

Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González, quixo “agradecer a visita do presidente e a continua colaboración da Deputación á hora de realizar investimentos no noso municipio que, sen dúbida, melloran as infraestruturas e moitos dos servizos, sobre todo nos núcleos máis rurais”.

Comitiva da Deputacion por Dumbri

Un investimento de 8,7 millóns do Plan Único para a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte

Este ano a Deputación da Coruña aprobou unha primeira achega do Plan Único, dotado con 50 millóns de euros, dos cales 8,7 millóns van destinados á comarca de Bergantiños e á Costa da Morte.

Durante a xornada achegáronse ata o núcleo de Cheo, onde se levou a cabo a pavimentación do núcleo da aldea, cun investimento de 145.000 euros, unha das 53 obras executadas no municipio.

Comentarios