Domingo. 21.04.2024
El tiempo

Dumbría 2024: Os xogos de todas e para todos

CEIP Santa Eulalia de Dumbria Xogos Olimpicos 1
A cativada de Infantil CEIP Santa Eulalia de Dumbría, implicadísima cos Xogos Olímpicos e Paraolímpicos, cuia cerimonia de apertura celebrarán este venres no Conco
Dumbría 2024: Os xogos de todas e para todos

2024 é ano olímpico. Isto quere dicir que se van a celebrar uns Xogos Olímpicos e Paralímpicos. Por este motivo, no CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría estamos facendo un proxecto chamado “Dumbría 2024”, que consiste en recrear uns Xogos Olímpicos e Paralímpicos no noso centro.

Este proxecto comezou na materia de Proxecto Competencial. Na primeira sesión do curso preguntáronnos que sabíamos dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos e que nos gustaría saber. A partir de aí, ao longo dos meses de setembro e outubro, o alumnado de Proxecto Competencial procuramos información relacionada con estas competicións deportivas. Esta información serviríanos de base para todo o proxecto: deportes participantes, significado do símbolo olímpico, medallas, sedes, fachos, logos, mascotas...

CEIP Santa Eulalia de Dumbria Xogos Olimpicos Paraolimpicos
Os deportes Paraolímpicos están cobrando especial importancia

Tamén tivemos a sorte de poder entrevistar a unha deportista referente do mundo do deporte como Susana Rodríguez Gacio, medallista de ouro na modalidade de tríatlon adaptado en Tokio 2020 e portada da prestixiosa revista TIME pola súa labor sanitaria na pandemia do COVID-19.

Na primeira semana de novembro, chegounos unha carta confirmando que o proxecto de Dumbría 2024 non solo o realizaría o alumnado de Proxecto Competencial senón todo o alumnado do centro tanto de Infantil como de Primaria.

O punto de partida foi a realización da bandeira olímpica cos cinco aros, cada clase representa un aro. O alumnado de Proxecto Competencial explicou ao resto do alumnado o significado desta bandeira, cada cor representa un continente do planeta Terra. As clases tivemos liberdade absoluta para decorar o noso aro, ademais grazas a esta actividade procuramos información do continente que nos tocou para poder localizalos xeograficamente e saber un pouco máis sobre eles. A nosa bandeira olímpica está decorando a entrada do cole en sinal da unión entre todos e todas.

CEIP Santa Eulalia de Dumbria Xogos Olimpicos Mascota
A elección da mascota foi democrática

 

Como toda edición duns Xogos Olímpicos e Paralímpicos tamén temos un logo e mascota oficial. Antes de que cada neno/a presentaramos a nosa proposta o alumnado de Proxecto Competencial foi por todas as clases dándonos ideas para a nosa proposta. O logo de Dumbría só debería estar formado por formas xeométricas e a mascota estar baseada no Vákner nunha actitude amistosa. Como decidimos o noso logo e a nosa mascota? Pois ben... fixemos unhas eleccións no colexio! Todos os alumnos e alumnas, mestras e mestres e cociñeiras votamos polo que máis nos gustaba. No mes de febreiro realizamos chapas co logo e mascota de Dumbría 2024.

O alumnado de Proxecto Competencial de 3º, 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria presentamos Dumbría 2024 ante toda a comunidade educativa nos últimos días de decembro e tamén en xaneiro fomos a expoñer este proxecto ao alumnado de Cultura Clásica do IES Fernando Blanco de Cee.

A finais do mes de xaneiro comezamos a preparar a nosa cerimonia de apertura, data oficial de inicio duns Xogos Olímpicos e Paralímpicos. Unha cerimonia de apertura ten moitas sorpresas como o acendido do pebetero olímpico. Si, tamén teremos o noso pebetero olímpico! Para isto, os compañeiros/as de Infantil e 1º e 2º de Primaria deseñaron o percorrido dos nosos antorchistas cara o acendido do pebetero.

No mes de febreiro tivemos a grandísima sorte de ter exposta un facho olímpico orixinal de Barcelona 1992 para poder coñecer como é un facho, o seu funcionamento e a súa finalidade. Para recordar este momento todas as clases sacámonos fotos con el.

Tamén neste mes, temos expostos todos os deportes participantes nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos en París 2024 e os alumnos de 3º e 4º de Primaria fixeron unha exposición por todas as clases sobre Caetano Horta e Belén Toimil, dous deportistas olímpicos galegos.

CEIP Santa Eulalia de Dumbria Xogos Olimpicos  2
As alumnas e os alumnos son xa deportistas olímpicos e paraolímpicos

En conclusión, estamos moi contentos de poder realizar o proxecto de Dumbría 2024 xa que aprendemos moitas cousas relacionadas co deporte e cos Xogos Olímpicos e Paralímpicos e ademais pasámolo moi ben.

O mellor de Dumbría 2024 está por chegar se queredes saber máis cousas visitade a páxina web do cole, alí subiremos todas as actividades do proxecto.

O próximo venres, 22 de marzo, celebraremos a cerimonia de apertura de Dumbría 2024 no pavillón municipal do Conco, esta festa será moi semellante a unha cerimonia dos XX.OO. e XX.PP. de verdade. Estades todos e todas invitados!

  • Asinado: O Alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría

Comentarios