Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Dumbría e Zas acollen sendas charlas de prevención do dano cerebral

Charla Dano Cerebral - Dumbría - ZAs
Dumbría e Zas acollen sendas charlas de prevención do dano cerebral

A información sobre o dano cerebral adquirido chega á Costa da Morte pola man da colaboración entre os concellos de Dumbría e Zas e a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). Unha das principais liñas de actuación da Federación é a información e sensibilización, cos obxectivos de dar a coñecer a realidade das persoas con dano cerebral, pero tamén de axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia.

Estas actividades informativas están dirixida a todo tipo de público e nelas a traballadora social de FEGADACE vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus -que está detrás do 78% dos casos- e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. Centrarase especialmente en presentar o recurso asociativo máis próximo as dous concellos: ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, que atende á poboación de toda a área sanitaria.

As sesións

A sesión informativa de Dumbría vai ter lugar o mércores 20 de abril ás 18:00h na Biblioteca Municipal e Espazo Deportivo O Conco. A asistencia é libre, pero recoméndase inscribirse no 981 744 001.

A cita en Zas será ao día seguinte, o xoves 21 de abril, ás 16:30h no Centro Sociocultural de Baio. O acceso tamén é libre, pero recoméndase inscribirse no teléfono 652 770 653.

A organización destas actividades conta coa colaboración dos concellos de Dumbría e de Zas e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Comentarios