Luns. 29.04.2024
El tiempo

En marcha pola nova ruta polo Monte Pindo

En marcha pola nova ruta polo Monte Pindo

Xa sabedes a nosa devoción polo bo de Modesto García Quintáns que nos está descubrindo unha marea de Recunchos segredos no Concello de Dumbría. Hoxe, poñemos as botas de andar, e nos propoñemos rubir todas as rochas que se nos poñan por diante, para disfrutar dunha nova ruta polo Olimpo Celta, o Monte Pindo.

Todo nesta fin de semana na que a xente do lugar está celebrando o VI Encontro Monte Pindo.

Nova ruta polo Monte do Pindo

Ruta do Campo Sacramental do Pindo a Carnota

O lume, que no mes de setembro do ano pasado destrozou a flora e a fauna do "Olimpo Celta", deixounos ó descuberto moitos vestixios descoñecidos. Neste intre, antes de que o toxo volva a tapar todo o terreo, podemos recoñecer sinais doutras civilizacións. Só con dar un paseo pola Croa da Moa veremos os restos dos murallóns ou fortificacións feitos polos primitivos poboadores, contemplar as bases de cabanas e os taponamentos con pedras dos pasos naturais coñecidos como portelas. Así mesmo, se nos achegamos ás aldeas, encontramos unha rede de muros rústicos con formas irregulares e sen estilo arquitectónico que cercan fincas, moitas delas cubertas de pedragales, servidas por corredoiras e sendeiros estreitos expresando unha ansiedade de acaparar o territorio. Pódese observar que dentro dunha mesma propiedade poden existir unha ou dúas xeracións de muros. Se fóramos capaces de medir toda esta maraña lonxitudinalmente nos encontraríamos con centos de quilómetros e toneladas de pedras que foron movidas con moito esforzo e sacrificio. Nas beiras dos regatos, case secos no verán, encontramos as máquinas máis apreciadas no século XIX y mediados do XX: os muíños, case todos construídos de cantería con enormes cubos para o almacenamento da escasa auga que os alimentaban. Podémolos resumir por vertentes. Na vertente norte hai un; na vertente sur, 19; na vertente oeste, 25, sumando en total, 45 muíños, todos eles en estado ruinoso.

Campo Sacramental do Pindo a Carnota

Para aqueles camiñantes que lles gusta descubrir novas paisaxes, lles recomendaría facer o itinerario que tantas veces fixeron os nosos antepasados do Pindo cara á Carnota. Era o camiño sacramental que discorría entre muros por un sendeiro tortuoso para ir a misa ou enterrar aos seus seres queridos no cemiterio de San Mamede. Levar a caixa do defunto colgada dun pau por dous ou catro familiares, salvando todo tipo de atrancos nunha distancia de 7 quilómetros, era digno de admiración. Este itinerario, na actualidade, encóntrase cuberto de chamizos e outros estorbos, como poden ser árbores caídos. Ten tamén a súa parte bonita: vistas distantes cara o mar, que tanto nos axuda a descansar a vista e outeiros con formas caprichosas que nos esperta a imaxinación. Este sendeiro parte da capela de San Clemente, hoxe igrexa parroquial; sube por un sendeiro de formigón ata a última casa e cóllese un camiño entre muros, con forte pendente, ata o depósito da auga onde se pode contemplar as casas do Pindo. A partir de aquí séguese pola corredoira con subidas e suaves pendentes deixando as vistas de Fisterra, As Lobeiras e Quilmas á dereita, e os pedregales da Moa á esquerda. Preto do camiño encóntranse todo tipo de rochas antropomorfas e zoomorfas que cultivan a imaxinación. Á metade do camiño, nunha pequena baixada, crúzase o rego de Vadecabras. Eu creo que o bautizaron con este nome porque en tempo de enchentes é un rego brincadeiro. Nace no val contrario, salta por riba de rochas en zig-zag formando pequenas fervenzas e descende saltando medio agochado entre rochas como se fora unha cabra, para desembocar cerca da praia de Quilmas na paraxe coñecida como "Baixo dos Muíños", que por certo ninguén sabe dicir se nesta paraxe houbo muíños. Continuamos o camiño ata desembocar na pista forestal que sae do cemiterio de Quilmas ao pé do Pedrullo, onde se atopan os restos da Torre de San Xurxo, construída no século X. A partir de aquí pódense tomar outras rutas alternativas para seguir percorrendo o Monte do Pindo.

Petóns da ruta polo Monte Pindo-Foto-Modesto Garcia Quintáns

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Información e fotos de Modesto García Quintáns.

Comentarios