Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Guía para non perder detalle da Vuelta no Miradoiro do Ézaro

Guía para non perder detalle da Vuelta no Miradoiro do Ézaro
A Costa da Morte dende as alturas na Vuelta 2012 E chegou a hora. Na tarde de hoxe xoves, 30 de agosto, a Volta Ciclista a España 2012 rematará a súa etapa número 12 no Miradoiro de O Ézaro (Dumbría). Será unha etapa que dea comezo en Vilagarcía de Arousa e que os especialistas consideran un percorrido moi esixente para as pernas dos corredores. Así as cousas, a Costa da Morte, e especialmente O Ézaro xa están engalanados para agardar a chegada dos deportistas. A etapa Perfil da etapa 12 da Vuelta 2012 con final no alto do Mirador do Ézaro O Percorrido desta estapa 12 partirá de Vilagarcía de Arousa, e entrará na nosa bisbarra por Esteiro, en Muros, arredor das 16:20-16:30h. Pasará por Serres e pola rúa Bellavista e Agra de Baño, cun sprint intermedio na Avda. Castelao. Atravesará Muros e pasará por Louro para entrar xa no Concello de Carnota, por Lira, contra ás 17:00h. O pelotón atravesará coma un raio a vila carnotá e pasará polo Viso, Caldebarcos, Quilmas e O Pindo para afrontar o gran final de etapa. A chegada, prantexada sobre ás 17:30h, ao Miradoiro do Ézaro, porto de 3ª categoría de 2 km, será espectacular. Diso dan conta as rampas do 28% e o perfil medio do 13,1%. Será día para escaladores explosivos como Purito ou Valverde. Pero dende QPC, pretendemos máis que centrarnos no contido deportivo da cita, facelo a través dunha guía útil para toda a xente que desexe achegarse ata O Ézaro ou as zonas máis próximas polas que se desenvolve a etapa deste xoves. Cortes de tráfico Os cortes de tráfico comezaron a pasada medianoite. Segundo as declaracións do Técnico de Deportes do Concello de Dumbría, César Ferrío, a Radio Nordés, os cortes prodúcense dende as 00:00h deste xoves na subida ao Miradoiro de O Ézaro, no cruce da estrada AC-550 e tamén na zona de arriba, en Santa Uxía, e tamén estarán cortados os accesos á vila. Os cortes na estrada AC-550, que une Cee con Ribeira, produciranse en función do transcurso da etapa. Ferrío asegurou que os cortes levaranse a cabo despois das 15:00h do xoves, a medida que se aproximen os corredores. En caso de que se produzan grandes retencións, unha medida que se está a estudar é o desvío por Brens. Información aos afeccionados Ferrío recomendou a todos os veciños dos arredores que desexen achegarse ata O Ézaro que prescindan do coche. De todos os xeitos haberá habilitadas varias zonas de aparcamento. Quen desexe subir ao miradoiro poderá deixar o vehículo na zona da praia. Os visitantes que se acheguen dende as estradas de Carballo e de Negreira tamén poderán deixar o coche nun aparcadoiro na zona de Santa Uxía. César Ferrío recomendou que a xente se achegue ata a zona do remate da etapa “entre as 11:00h e as 14:00h”. Ademáis afirmou “que a xente non insista en ir a O Ézaro para deixar o coche, pois en Santa Uxía haberá un amplo aparcadoiro”. A distancia entre o aparcadoiro en Santa Uxía e o Miradoiro de O Ézaro é de pouco máis de un quilómetro. Dende o Concello de Dumbría recomendan aos visitantes que acudan á cita e se instalen ao longo da subida, que accedan con bebidas e bocadillos ou semellantes. Cuestións non recomendables Toda a xente que se sitúe na zona máis próxima á estrada de subida ao miradoiro, non debe tocar en ningún momento aos ciclistas. Non é recomendable correr a carón dos ciclistas. Tampouco se pode tirar nada ao chan na zona da subida (latas, vasos,…), pois podería xerar algún accidente.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios