Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Importantes melloras para o acceso peonil á fervenza do Ézaro

Importantes melloras para o acceso peonil á fervenza do Ézaro
Acceso peonil a Fervenza do Ezaro

A Comisión de Cooperación e Plans da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade o financiamento dun proxecto para mellorar o acceso peonil á fervenza do río Xallas no Ézaro, no concello de Dumbría, que será semtido á aprobación do pleno que se celebrará o venres 31 de marzo.
A institución provincial investirá un total de 299.560 euros nestas obras, que pretenden por en valor este enclave natural, un dos grandes atractivos turísticos da Costa da Morte.

As actuacións financiadas pola Deputación paliarán certas eivas, coma a mellora do acceso a persoas con mobilidade reducida, xa que, na actualidade, o único camiño peonil contén un tramo de escaleiras. Ademais, tampouco existe unha separación entre o tráfico peonil e o rodado, impedindo unha correcta seguridade viaria.

A solución que se adoptará permitirá acceder á zona máis próxima á desembocadura do río Xallas por un camiño totalmente independente, de uso exclusivo para os peóns, e separado da zona industrial, que se reservará para os vehículos.

Para salvar o desnivel do tramo de escaleiras e permitir o acceso a persoas con mobilidade reducida, a nova plataforma terá unha inclinación ascendente moi suave, do 2,6%, que enlazará co tramo final, onde xa existe un sendeiro peonil de madeira.

Plataforma voada sobre o mar

O novo sendeiro estará formado por unha plataforma suspendida sobre o mar, grazas a unha estrutura metálica que evocará á espiña dun peixe, recuberta por unha “pel” de taboleiros de madeira de estética natural. Deste modo, a pasarela terá un aspecto moi lixeiro, suspendido en voo sobre a ría, que acompañará de forma natural ao percorrido ofrecendo unha vista panorámica da fervenza.

As peculiaridades da nova estrutura estarán enfatizadas por diversas iluminacións, que tamén permitirán un mellor acceso á pasarela durante a noite. Este sistema de alumeado estará formado por dous postes, situados antes e despois da rampla, e varias balizas empotradas no pavimento de madeira. Todas estas luminarias estarán equipadas con lámpadas de tecnoloxía LED, de alta eficiencia enerxética.

A rampla que financiará a Deputación constitúe a primeira fase dun proxecto máis amplo, no que tamén se inclúe a construción doutro tramo voado sobre o mar, que enlazará a zona de aparcamento coa nova rampla.

Fonte

  • Deputación.

Comentarios