luns. 12.05.2025
El tiempo

Vendaval trasládalle aos Concellos de Dumbría e Muxía as consecuencias nas augas das obras da Ruña

Reunion de Vendabal co Concello de Muxia
Reunion de Vendabal co alcalde de Muxía
Vendaval trasládalle aos Concellos de Dumbría e Muxía as consecuencias nas augas das obras da Ruña

Segue a Asociación Vendaval Costa da Morte mantendo reunións cos responsables municipais dos Concellos afectados no suministro de auga pola posible construción dunha balsa reversible no Monte da Ruña. 

Despois das iniciais con Corcubión e Fisterra, Lorena Suárez, presidenta da asociación, xunto con outros membros de Vendaval, reuníanse as pasadas semanas cos rexedores de Dumbría, Raúl González, e Muxía, Javier Sar.

Nestas xuntanzas, infomaron aos alcaldes da postura da asociación, dos pasos que se están a dar e das diferentes consecuencias que estas obras terían, non só no Monte da Ruña, senón para a maioría da veciñanza da Costa da Morte. Este proxecto afecta patrimonio mediambiental e patrimonial, pero tamén ás augas que consomen os concellos da Mancomunidade de Fisterra e aos concellos de Carnota e de Muros. 

Na conversa, a Plataforma trasladou o que entende como un impacto negativo que tería que as fontes de auga da Ruña se contaminasen ou acabasen por desaparecer definitivamente. 

Vendaval Costa da Morte pediulle ao alcalde a súa colaboración para, dende a Mancomunidade de Fisterra, informarse e informar do proxecto e intentar levar a cabo un estudo das posibles consecuencias. O edil, segundo informa a plataforma, manifestou o seu descoñecemento e comentou que se mantería cauteloso na súa postura ata ter máis datos sobre o proxecto.

Dende a asociación,  manifestaron a súa intención de facilitarlle toda a documentación coa que contan e agradeceron a posibilidade de facilitarlles dende o concello as instalacións para realizar charlas ou calquera outra acción que teña como fin informar a veciñanza  sobre este proxecto e as súas consecuencias.

Máis información

Comentarios