Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Modesto Patrimonio: Apañar o mato en primavera

O Modesto Patrimonio: Apañar o mato en primavera
Ferramentas de rozar Ferramentas de rozar Esta frase era moi normal escoitala a finais do mes de Maio polos nosos labregos na zona de Dumbría. A partir de mediados do s.XX apareceron as novas tecnoloxías e tódos estes vocablos que vamos enumerar case os podemos dar por desaparecidos. “Apañar” o “mato”, tamén coñecido como “estrume” consistía en cortar o toxo no monte para “estrar” as “cortes” dos animais e cubrir as “cañeiras” por onde pasaban tódolos días. Nestes espacios formábase o esterco natural que era usado para abonar as leiras. Este traballo facíase unha vez rematada a sementeira do millo, a finais do mes de maio, e antes de comezar a “sachar” o “decruo”. Elexíase unha “croa” de mato para “rozar”. A ferramenta principal era a “eixada”, auxiliada tamén pola “fouce” ou o “rozón”. Facíanse “mardias” empaquetando o toxo cortado en pequenos rolos chamados “galladas”. Había varias clases de mato: toxo “albal”, toxo “gateño” ou toxo “carrasqueño”. A Eixada A Eixada Unha persoa podía apañar, traballando de sol a sol, un par de carros ao día, equivalente na actualidade á carga dun tractor. Cando se rozaba sempre aparecían os paxariños que comían os “bichoquiños” que afloraban das galladas, destacando os do babeiro negro. Unha vez rozado o toxo, había que levalo para a casa formando unha pila na cañeira que ao longo do ano repartíase polas cortes e cochos, arrancadoo da pila cun “cabaduiro” e transportado nunha “angarella”. Partes do carro galego Partes do carro galego Para cargar o carro do mato facían falta dúas persoas. Unha carretaba as galladas coa “forquilla” e a outra, subida o carro, colocábaas ordenadamente procurando non anchear moito para poder pasar polas corredoiras e tratando de centrar o peso para que non emborcara polos malos camiños. Ao remate atábase cunha corda longa chamada “cabestro” comezando por diante, na “cabezalla”, e fixando as ataduras aos “fumeiros” por debaixo do “chedeiro”. A corda tensábase a base de golpes coa “forquilla” desde arriba do carro. Algúns veciños presumían no transporte de que o carro “cantara”. Para iso apertábanlle as “leituras” que servía tamén como freo nas fochancas e o eixe debía de ser madeira de abeneiro. Xa o dicía a canción: Se queres que o carro cante e corra lixeiro, móllalle o eixe no río e as leituras de loureiro. Ou tamén: A raiz do toxo verde E moi mala de arrancar Os amoriños primeiros son moi malos de olvidar. Debo aclarar que estes nomes están sacados da fala usada polos veciños da parroquia de Buxantes. Poida que noutros lugares se coñezan con outros nomes.
  • Modesto García Quintáns.
 

O Patrimonio Modesto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios