Pequeño cede ao alcalde de As Pontes a presidencia da Deputación


Era un día importante onte, pois os socialistas da Coruña mantiñan unha reunión en Carballo para decidir quen será o candidato definitivo a presidir a Deputación coruñesa. José Manuel Pequeño, o veterano alcalde dumbriés, era o mellor posicionado, pero a metade de carreira, o seu homólogo de As Pontes, Valentín González, foi arrimándose á cabeza de carreira.
Finalmente, cal Indurain e Chiapucci no alto do Ézaro, colléronse onte da man para selar a paz, deixando o dumbriés que sexa Valentín González o vindeiro presidente da Deputación da Coruña.
En todo caso, Pequeño será unha das pezas claves da Deputación, pois espera que hoxe que os compañeiros o elixan como Deputado polo Partido Xudicial de Corcubión.
"Hai que ter altura de miras", sinala, "e pensar que esto é unha negociación e temos resolver a situación. Fago isto polo ben do partido". Ademais, agora "estase negociando cos demais grupos, e esperamos que remate felizmente para todos e que poida haber un goberno da Deputación progresista, polo ben da provincia".
“Os da Costa da Morte sempre estamos antepoñendo o partido a asuntos persoais, estamos demostrando unha responsabilidade importante”. "Xa lle tocaba á Costa da Morte, polos resultados, ter a presidencia da Deputación", lamenta o alcalde dumbriés, que en todo caso asegura que "toca traballar tanto coma sempre pola provincia e pola Costa da Morte".
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).