Venres. 26.04.2024
El tiempo

O PSOE denuncia en Dumbría os eternos recortes da Xunta en materia educativa

PSOE PROVINCIAL en Dumbria)
O Conco acolleu a reunión do PSOE provincial e a comunidade educativa do CEIP Santa Eulalia
O PSOE denuncia en Dumbría os eternos recortes da Xunta en materia educativa

Saía a semana pasada á rúa toda a comunidade educativa do CEIP Santa Eulalia de Dumbría en contra dos recortes. Uns recortes que provoca que o centro teña que compartir un profesor co colexio de Corcubión, malia telo asignado ao completo.

Este venres, o secretario xeral da Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández Piñeiro, acompañado por unha comitiva comarcal, visitou o Conco para escoitar as demandas da comunidade educativa. “É un claro exemplo da política de recortes da Xunta de Galicia, un titor compartido que está 3 días á semana nun centro e 2 días noutro colexio, que nin sequera están no mesmo concello”, denunciaba o líder provincial tralas queixas da ANPA.

PSOE PROVINCIAL no COnco

“É unha cuestión de vontade política. Hai mestres e mestras dispostos a ser contratados para prestar un servizo de calidade e evitar que o alumnado reciba unha educación nefasta”, por iso ”esiximos á Xunta de Galicia e ao conselleiro de Educación en particular que adopten as medidas para remediar esta desfeita. Agardamos tamén que non se esquezan doutras reivindicacións que ten a comarca da Costa da Morte en materia educativa”, manifesta Fernández Piñeiro.

O socialista aproveitou para facer alusión ao abandono da Costa da Morte por parte da Xunta de Galicia, “unha zona na que, malia o peso do rural, ten unhas comunicacións complicadas de novo pola falta de vontade política do Partido Popular”.
“En lugar de combater o despoboamento das zonas rurais, a Xunta de Galicia promove servizos de terceira calidade, cando non os suprime por completo”, finaliza.

Máis novas sobre recortes

Comentarios