A Costa sabe degustar o seu mar

10:13 08/12/10

Aulas de cociña
![comete-o-mar-xose-cannas]()
En canto ás concorridas demostracións de cociña, os irmás Xosé e Xoán Cannas puxeron onte punto final cunha maridaxe dos produtos do mar con distintos caldos na Lonxa Nova de Fisterra. En concreto, os cociñeiros do restaurante Pepe Vieira Camiño de Serpe, cunha estrela Michelín, prepararon cinco receitas: fabas con polbo, acompañada dun caíño da DO Rías Baixas; centolo, cun riesling alemán; sardiña en escabeche de herbaluísa e canela, con cervexa de trigo branca; tartar de xurelo, cun Godello de Valdeorras, e ourizo con mazá, cun champaña francés.
Pero as sesións de cociña non paran e este mércores será a cita final
Cociñeiros de Noia, Porto do Son, Outes e Corcubión enfróntanse no concurso que pechará ‘Cómete o Mar’
Cinco cociñeiros doutros tantos locais enfrontaranse mañá na final do concurso de tapas `Un bocado de mar´ que pechará as xornadas gastronómicas (www.cometeomar.com) que se iniciaron o pasado sábado e nas que participan un centenar de establecementos dos nove concellos do ámbito do Grupo de Acción Costeira 4 (Porto do Son, Noia, Outes, Muros, Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra). Moitos destes restaurantes, bares ou cafeterías, a pesar de que o tempo non axuda, están a rexistrar cheos de público e comensais nestes días, atraídos sen dúbida pola variadas opcións culinarias que permiten os produtos mariñeiros elixidos polas confrarías, é dicir, polbo, mexillón, berberecho, navalla, raia,xurelo, sardiña, congro, longueirón, ourizo ou centola. Se o pasado martes finalizaron en Fisterra as demostracións de cociña, cos irmáns Xosé e Xoán Cannas como protagonistas e con moitos establecementos co cartel de cheo, hoxe, ademais da oferta gastronómicas que se estende polos nove concellos, seguen previstas moitas actividades ligadas á tradición e cultura mariñeiras, e hoxe mércores sumarase ao programa a devandita final do concurso de tapas, que se desenvolverá desde ás 17:00 horas no Club de Xubilados de Noia. Os cociñeiros Antonio Mirón Agra, do Restaurante Tío Manolo, de Noia; Dolores del Carmen Mariño Mariño, de A Cociña das Monadas, de Porto do Son; Noelia Rodríguez García, de Casa Peto, de Outes, Rafael Fuentes Arán, de As Hortensias, e Raúl Góñez Silva, de Praia de Quenxe, ambos de Corcubión, terán que presentar unha receita de nova creación con algún dos produtos mariñeiros desta área xeográfica como ingrediente principal. Nun tempo máximo de vinte minutos, deberán elaborar a súa receita para someterse á opinión dun xurado composto polos recoñecidos cociñeiros José Manuel Túñez e Pepe Solla; o xefe do Servizo de Mercados da Consellería do Mar, Ramón Damián Fernández Conchas; o tenente de alcalde do Concello de Noia, Rosalino García Novo, e o representante do sector económico do GAC 4, José Pérez Martínez, que actuará como presidente.Máis actividades
En canto ás outras actividades mariñeiras que estarán aínda programadas para hoxe, derradeiro día de `Cómete o mar´, haberá, entre outras, pesca deportiva, unha ruta para observar o funcionamento dun porto pesqueiro, saída nun veleiro a degustar produtos do mar ou coñecer o proceso de cría do mexillón, visita guiada á lonxa de Fisterra e a exposición e poxa de peixe e marisco, outra visita ao Castelo de San Carlos, tamén de Fisterra, ou unha xornada de pesca con mariñeiros de Lira e outra coa frota de cerco de Portosín.Programa 8 de decembro
- Menús gastronómicos e degustación de tapas nun cento de restaurantes, bares e cafeterías dos nove concellos participantes.
- Visitas guiadas á lonxa de Fisterra e exposición e poxa de peixe e marisco. Ás 16:00 horas na lonxa de Fisterra.
- Visita ao Castelo de San Carlos, habilitado pola Confraría de Pescadores como Museo de Pesca. De 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 18:30 en Fisterra.
- Xornadas de pesca cos mariñeiros de Lira. Embarque, ás 7:00 horas da mañá.
- Xornada de Pesca Deportiva. Horario a convir. Confraría de Lira.
- Ruta para coñecer un porto pesqueiro. En horario de mañá. Portosín (Porto do Son).
- Saída ao mar coa frota do cerco de Portosín (Porto do Son).
- Paseo pola costa en embarcación. Entre 11:00 e 17:00 horas desde o Porto de Muros.
- Saída en veleiro con degustación de produto mariñeiro. Saídas entre 11:00 e 17:00 horas desde o Porto de Muros.
- Ruta polo polígono das bateas con información completa do proceso de produción do mexillón. Saídas desde 11:00 a 17:00 horas desde o Porto de Muros.
- Concurso de tapas `Un bocado de mar´. Ás 17:00 horas no Club de Xubilados de Noia.
Máis información
Máis información
Novas relacionadas
- As xornadas ‘Cómete o Mar’ contrarrestan a meteoroloxía coa “mellor despensa que ten Galicia”.
- A Costa da Morte cómese o mar nesta ponte da Inmaculada.
- Un cento de establecementos participarán nas xornadas Cómete o mar.
- Animando aos gandeiros da Costa a abrir novas explotacións de porco celta.
- Os Hostaleiros aprenden a Comerse o Mar.
- Italia saborea os tesouros do mar de Lira.
Fonte
- Nota de prensa do GAC-4
- Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).
- Fotografías da Lonxa de Fisterra de Marcos Rodríguez.