A campaña Toponimizate busca axuda en Fisterra para recuperar os seus microtopónimos
A Anchoa, Ermedesuxo, Duio... son nomes tremendamente singulares de Fisterra, que se poderán analizar este luns 10 de outubro ca chegada da caravana lingüística de Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra.
A Real Academia Galega chega buscando axuda na recuperación e difusión da súa toponimia tradicional a través da plataforma Galicia Nomeada. Aquelas persoas que estean interesadas neste labor de recuperar microtopónimos (nomes de leiras, fontes, pedras do mar...) , poden acudir ás 17:00 h ao Salón de Actos da Casa do Concello para escoitar o relatorio de Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto.
Curioso é o dato de que Fisterra e o veciño Corcubión son os concellos da provincia da Coruña con menos topónimos rexistrados na plataforma Galicia Nomeada, con 54 e 16 respectivamente. Estes 70 topónimos contrastan cos máis de 160.000 nomes de toda a provincia que se poden consultar na plataforma colaborativa xestionada pola Real Academia Galega, só o 0,04% de toda A Coruña.
O acto tamén servirá para corroborar ou non as hipóteses sobre algún dos topónimos peculiares que hai neste concello da Costa da Morte. A Anchoa é un deles por tratarse dun topónimo único en toda Galicia que, segundo a transmisión oral, débese a un establecemento de hostalaría da zona da recta de entrada á poboación que tiña por costume dar coa consumición unha tapa de anchoa.
As persoas interesadas en colaborar na recuperación da toponimia tradicional poden contactar cos responsables de Galicia Nomeada a través da web, https://galicianomeada.xunta.gal, do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 881 995 322. Poden descargar aquí a APP.
Seguinte parada
- Zas o luns, 21 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio.