Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A impresión dun turista na Costa da Morte

A impresión dun turista na Costa da Morte

Chéganos hoxe un relato dun empresario hosteleiro da zona, sobre as impresións dun dos seus hóspedes ao seu paso pola Costa da Morte. Aloxado na zona da Langosteira, "botaron 10 días de finais de agosto e marchaban encantados co que aquí viron e viviron. As praias, as vistas, a xente, a gastronomía... A virxinidade. Todo perfecto. Somentes tiñan unha queixa: a recollida de lixo", explícanos.

"4 días enteiros cos contedores cheos, en plena praia Langosteira sen que ninguén do Concello pasase a baleiralo. E igual caso no Cabo Fisterra. Como é posible que as autoridades permitan que un punto de interese turístico a nivel mundial ofreza esta imaxe?", reflexionaba o visitante.

O empresario coméntanos que "en verán este problema é moi visible, pero logo chega o outono e o inverno e, coa baixada de población, deixa de ser tan evidente. Esquecémonos ou "desindignámonos" e somentes nos volvemos lembrar cando xa é, outra vez, tarde".

De aí, se queremos facer do turismo un verdadeiro motor económico, hai que coidar todas estas cousas. "Despois podemos ler na prensa como presentan, con fachenda, ambiciosos e moi costosos plans de promoción. Cóntannos o importante que é desenvolver un turismo sostible en zonas como a nosa, para reactivalas económicamente mantendo o seu valor natural. E, nembargantes, non se preocupan das cousas básicas, dos mínimos que hai que cubrir para que isto poida por fin empezar a funcionar", apunta este empresario.

Máis carencias

"Non é somentes o lixo. É a falta de sinalización dos principais fitos. E o ridículo do sistema de transporte públicos que debería permitir ós posibles turistas chegar ata esta fin do mundo sen ter que utilizar o coche (¿cómo pode ser que un domingo a única conexión entre Santiago e A Costa da Morte sexa un bus ás 12:00h da mañá). É a imposibilidade sistemática de chegar a acordos de colaboración entre concellos ou diferentes administración para apoiar todo tipo de iniciativas. E moitas cousas máis"...

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios