Martes. 23.04.2024
El tiempo

A mámoa fantasma que pode chegar a retrasar o PXOM de Fisterra

A mámoa fantasma que pode chegar a retrasar o PXOM de Fisterra
Finca onde hai catalogada unha mamoa en Fisterra Finca onde teoricamente hai catalogada unha mámoa en Denle, Fisterra De tellado en tellado, a pelota salta sen asumir responsabilidades. Concello e Dirección Xeral de Patrimonio bótanse as culpas do que semella un  erro na demarcación dun ben arqueolóxico, incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Fisterra. A mámoa fantasma leva traendo moitos quebradeiros de cabeza á familia de Juan Francisco Martínez, que leva varios meses loitando, e viaxando dun lado para outro, para que a súa finca, dedicada durante décadas ao labradío, non sufra unha especial protección coa aprobación do PXOM. Un PXOM, que despois de máis de 17 anos, parece que ía ver a luz antes de que remate o ano (ou a comezos do que vén). Se o Concello aseguraba en abril que se aprobaría en verán, pouco despois o prazo trasladábase ata finais de 2018, pero semella que esta “mámoa” pode chegar a retrasar a súa aprobación. De feito, dende a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, "a Xefa de Servizo recoñecía que o Plan está demasiado verde como ser aprobado antes de que remate o ano, e valora o primeiro semestre de 2019 como data probable de aprobación". Iso, sempre que o caso da mámoa non se teña que xudicializar. Porque a familia afectada está disposta a chegar aos tribunais se as modificacións non prosperan, despois de andar petando en dúas portas sen que lle dean solución algunha. Este mesmo martes tiveron reunión (levando unha completa documentación despois de pagar un completo estudo arqueolóxico) co Concello de Fisterra, onde non lle deron importancia ao caso. “Dixéronnos que dende o Concello non van facer nada, que decida Patrimonio, e mentres Patrimonio di que o responsable é o Concello, que é o redactor do Plan”, explícanos Juanfran. “Se ben nos recoñeceron que nas nosas fincas non hai nada, nin arquitecto nin alcalde valoran a posibilidade de que se paralice, non lle deron importancia ao caso”, lamenta, ao mesmo tempo que non entende que o Concello non lle deixara ver o catálogo de bens. As 3 ubicacions que ten rexistradas a mamoa de Denle-Fisterra As 3 ubicacións que ten rexistradas en diferentes estudos a mámoa de Denle-Fisterra

Un erro intencionado?

Dende Patrimonio trasladáronlle que a cousa parece clara. “Vendo o estudo que lle presentamos, tanto a Xefa de Servizo como o arqueólogo que nos atendeu en Bonaval recoñeceu que ten que haber erro na localización”, explica. O erro, que para a familia pode ter sido mesmo con algún tipo de interese de protexer a característica de urbanizable dalgunha finca veciña, e que parte dunha catalogación feita en 1996. "Daquela, nun estudo previo ao informe final, aparece unha mámoa situada un pouco máis arriba. Sorprendentemente, no informe final de 2015, e asinado por un arqueólogo que recoñece que non puido entrar na finca porque estaba cuberta por unha prantación de millo, sinala que a mámoa está situada na finca da nosa familia", explica Martínez. Dende aquela arrastra esta denominación sen que, ata agora, tivera repercusión algunha, e se segue mantendo como terra de labranza. Martínez vai un paso máis alá e chega a criticar que “o Plan é unha mafia, para beneficiar a uns e perxudicar a outros. Nós o único que pedimos é que non nos hipotequen as nosas parcelas”.

Parálise do PXOM?

A Dirección Xeral de Patrimonio apuntou que vai estudiar o caso máis pormenorizadamente e mesmo lle comentaron que igual teñen que facer unha visita in sito varios profesionais da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, situada en Bonaval, para comprobar que hai un erro na demarcación e que hai que proceder ao cambio da ficha arqueolóxica. Unha modificación que podería provocar o devandito retraso no PXOM, como recoñecía a propia Xefa. Se a cousa é áxil, pero como recoñecían dende o ente autonómica: O estudo e a hipotética modificación da ficha urbanísitca leva un proceso, e non poden garantir que saia antes de que se aprobe o PXOM. Agora a familia despois de valorar a posibilidade de levar o caso aos Xulgados antes de que se aprobe o PXOM, vai esperar a ver como se aproba o PXOM, coa modificación ou sen a modificación da ficha. Deste xeito, no caso de que se aprobe o PXOM tal e como está a día de hoxe, a familia tería que proceder a impugnalo.

O alcalde: ”É responsabilidade da Xunta”

O alcalde socialista José Marcote, bótalle toda a responsabilidade ás administracións autonómicas. “Cada un ten que coller a súa responsabilidade. Nós non temos potestade para quitar a mámoa, mentres non chegue un informe de Patrimonio que diga que a mámoa non está”. Nese sentido espera que “se a familia levou o estudo arqueolóxico, e dende Patrimonio valoran que efectivamente esa mámoa non está aí, que modifiquen o catálogo e que nolo envíen, que nos quitarémolo do Plan sen ningún problema”. O alcalde entende que “é normal que a xente se cabree cando se lle toquen as súa terras”, pero tamén que “estes procesos como a aprobación dun PXOM ten uns procesos e uns tempos de exposicións pública, e hai que seguir eses tempos. A familia decatouse fóra de prazo da existencia desa mámoa e agora imos conta atrás”.

”Periga o PXOM?”

Para Marcote, a posible modificación do catálogo “non debería xerar ningún perigo que poida paralizar o PXOM. Debería ser un proceso paralelo, e intentaremos axilizar para que Patrimonio o faga o máis rápido posible”. Sobre os prazos de aprobación cun Plan que leva máis de 17 anos en redacción, Marcote valora: “Antes de final de ano? Sería correr moito pero non debería ir moito máis alá. En todo caso, nunca se pode dicir porque non depende de nós. Quen aproba é Urbanismo, a Xunta”. Explica que a día de hxoe Patrimonio xa emitiu todos os informes favorables e que a cousa depende xa só de Urbanismo. “Estamos traballando nas últimas modificacións que nos mandou Urbanismo, e enviarémoslle o novo documento en breve, e de feito imos ir ata alí para consultar algunha cousa concreta con eles, e para ver se hai que facer novas rectificacións. Se Patrimonio espabila e nos manda esa modificación o antes posible, poñendo por escrito o que lle dixo á familia de forma oral sobre a modificación do catálogo, xa solucionábamos cunha soa viaxe”, apunta mandando un recado a Patrimonio.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-mamoa-fantasma-de-fisterra/ https://quepasanacosta.gal/o-pxom-de-fisterra-poderia-estar-listo-no-veran-17-anos-despois/

Comentarios