Xoves. 02.05.2024
El tiempo

AV, PSOE e BNG manteñen a primeira reunión para intentar chegar a un acordo de goberno

Pleno de Fisterra de setembro de 2023
Imaxe do pleno de Fisterra do pasado mes de setembro
AV, PSOE e BNG manteñen a primeira reunión para intentar chegar a un acordo de goberno

Promoveu esta semana o grupo de goberno de Fisterra a primeira reunión a tres entre os grupos de Alternativa dos Veciños, PSOE e BNG, coa idea de conseguir chegar a acordos para conformar un goberno estable e pactar unha axenda de obxectivos comúns que marquen o rumbo dos vindeiros 4 anos.

“É unha boa nova que xa se tiña que ter levado a cabo moito antes”, sinalan dende o grupo de AV, mentres que dende o BNG valora o “ton cordial” coa que se desenvolveu a xuntanza, na que participaron 8 representantes dos tres grupos (3 de AV,2 do PSOE e 3 do BNG).

Os grupos de PSOE e BNG presentaron unha batería de propostas, e malia que non houbo acordos concretos, quedaron en seguir negociando en vindeiras semanas.

Trátase dunha gran nova para Fisterra, pois despois da investidura da alcaldesa Áurea Domínguez, apoiada por PSOE e BNG, o concello quedou en relativa parálise ante a negativa do PSOE, ata en 3 ocasións, de aprobar a dedicacion exclusiva da rexedora.

Visión dende o BNG

Se dende AV prefiren esperar para valorar estas xuntanzas, dende o BNG valoraron o “ton cordial” e expresaron a súa “disposición a integrarse no goberno local para dotalo de maior estabilidade e para defender os intereses xerais fisterráns”.
Explica ademais o edil Kuka Sar que os grupos presentaron as súas propostas respecto do urbanismo, co PXOM como tema principal. Nese sentido, o BNG manifestou que non apoiará “aquelas modificacións que sirvan só para mellorar intereses particulares ou para especular co solo, porque imos só defender o interese xeral por enriba de calquera outro”.

A asemblea local do BNG considera que “o primeiro paso foi positivo, e esperamos manter máis xuntanzas para falar de servizos sociais, benestar, cultura, muller, deportes e turismo, porque esta lexislatura debe ser na que consigamos un novo centro de saúde e un centro de día para Fisterra, e debemos ter todos claro que eses obxectivos son irrenunciables”.
Por último, expresamos que ”Está nas mans da Alternativa de optar por un goberno plural, dinámico, forte, progresista e de esperanza ou por unha feira como vimos en Muxía ou Ponteceso estes anos. O BNG o ten claro, e despois deste período de reflexión, quere seguir traballando e mellorando Fisterra”.

Pronto haberá máis novidades.

Comentarios