Casa das Peritas, a única galería galega en Hybrid Art Fair 2026
- O espazo creativo prepara unha nova exposición para a Semana Santa fisterrá.
Dende a aldea Mallas ao corazón de Madrid. A Casa das Peritas será a única galería de arte galega presente na edición 2026 de Hybrid Art Fair, que terá lugar en Madrid do 5 ao 8 de marzo no Hotel Petit Palace Santa Bárbara, coincidindo coa Semana das Artes de Madrid.
Hybrid Art Fair, que este ano celebra a súa décima edición, está consolidada como unha das feiras independentes máis dinámicas do panorama estatal, caracterizada polo seu formato en habitacións de hotel e por unha aposta decidida por proxectos comisariados e innovadores.
A galería fisterrá participa coa proposta curatorial Xogo, un proxecto que reúne obra de María Magán, Vera Vizzi, Inés Silvalde, Óscar Aldonza
Torres e Natasha Lelenco.
A participación na feira supón un novo paso na proxección da Casa das Peritas, galería independente con sede en Mallas (Fisterra), que, impulsada por Tomás Lijó e Natasha Lelenco desenvolve un programa expositivo centrado na organización eventual de accións artísticas na aldea de Mallas, na creación contemporánea e na construción de redes entre Galicia e o contexto internacional, no que opera de xeito permanente en plataformas do mercado da arte contemporánea.
A presenza en Hybrid Art Fair reforza a visibilidade da escena galega nun contexto profesional que reúne galerías, comisarios, coleccionistas e prensa especializada de ámbito nacional e internacional.
Próxima exposición en Mallas – Fisterra
A Casa das Peritas está traballando ademais na súa próxima inauguración na aldea de Mallas, Fisterra, unha exposición que abrirá portas na vindeira Semana Santa, entre o sábado 28 de marzo e o domingo 5 de abril, e que intervirá o espazo e a aldea de Mallas co traballo de cerca dunha ducia de artistas.



