Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Disputas entre Alternativa e o BNG a conta de Portos e os Orzamentos

A hostaleria de Fisterra leva anos denunciando o mal estado da cuberta das terrazas da praza da Ribeira
A hostalería de Fisterra leva anos denunciando o mal estado da cuberta das terrazas da praza da Ribeira
Disputas entre Alternativa e o BNG a conta de Portos e os Orzamentos

Este pasado mes de febreiro o Concello de Fisterra asinaba con Portos de Galicia un novo convenio de xestión da zona portuaria para os vindeiros 4 anos. Un convenio que permitirá que o Concello poida actuar, como xa fai, sobre a fachada marítima, facendo as melloras que considere necesarias.

Por bando do BNG, considera que debería ser o propio Concello o que cobre as taxas polas terrazas aos locais de hostalería, e non Portos, como vén facendo e queda sinalado no convenio. “O Concello farase cargo do mantemento, conservación, limpeza e alumeado das zonas portuarias, e Portos continuará cobrando as taxas, aínda que se desentende do pagamento dos servizos que ata agora eran da súa responsabilidade”, lamentan dende o BNG pedindo que sexa o concello o que cobre esas taxas.

Unha posibilidade que dende o grupo de goberno vén imposible porque entenden que os cobros das terrazas vai vinculado á categoría do peirao en cuestión (Fisterra é categoría 1), e para modificalo tería que ser un acordo a nivel autonómico.

Si recoñecen dende o Concello que Portos podería levar un mellor mantemento das instalacións, recollendo as queixas que levan lanzando os hostaleiros dende hai anos. Porén, unha das queixas principais, o mal estado da simbólica cuberta metálica das terrazas, será solventada en breve. O grupo de goberno asegura que Portos xa ten mesmo solicitada a renovación de devandita cuberta, e esperan que se acometa mesmo antes do verán.

Orzamentos

Por outra banda, os nacionalistas lamentan que os orzamentos municipais fosen elaborados sen contar coa súa participación. A concelleira Tereixa Fernández mantivo un encontro esta mesma semana con membros do goberno de Fisterra para falar sobre os orzamentos municipais que se debaterán o xoves 4 de abril en Pleno Ordinario, pero lamentou que non se contase con eles. A representante nacionalista comunicou que “ou hai cambios nas relacións institucionais co BNG ou rematará a tregua de apoio incondicional despois de case un ano de goberno”.

Dende o goberno local de Alternativa dos Veciños, recollen o recado, e recoñecen que “aí si que lle temos que darlle un pouco de razón ao Bloque”. Se ben finalmente non se chegou a asinar o acordo de goberno entre Alternativa e o BNG, como si aconteceu co PSOE, dende Alternativa entenden que o “acordo verbal” é suficiente para ter negociado os orzamentos.


Con todo, explican que “os orzamentos son moi parecidos aos de 2023”, e que o tempo se lles viu enriba. “Certo que se puido facer unha reunión antes, pero demorouse a elaboración por parte da Secretaría, e agora xa se estaba facendo moi tarde, que nós queríamos sacalos a comezo de ano, e se non o dábamos sacado para o pleno deste xoves, non saían ata xuño”, facendo referencia aos plenos bimensuais.

Comentarios