sábado. 10.05.2025
El tiempo

Dúas de saneamento para Fisterra

Dúas de saneamento para Fisterra
Obras na rede de saneamento de Sardineiro

Sabe Fisterra que o saneamento foi un dos cabalos de batalla nas últimas décadas. A construción das edificacións da Anchoa, algunhas ilegais, foi todo un exemplo do como “ir facendo que despois xa pensaremos no saneamento”.

Esta semana temos dúas novas arredor do saneamento fisterrán. Primeiramente, a Xunta vén de asegurar que acaba de enmendar unha vertedura na vila do Cristo. O vertido procedía dun ramal de saneamento que vertía directamente ao mar nunha pequena cala localizada ao sur da praia Langosteira. Púxose en coñecemento do concello, quen procedeu a executar as medidas oportunas para a emenda do mesmo. As tarefas consistiron na derivación do devandito ramal á rede de saneamento con destino final á depuradora municipal, quedando eliminado o foco contaminante.

Ademais, esta semana dase un paso adiante co proxecto de saneamento de Sardiñeiro, que servirá para executar a rede separativa entre fecais e pluviais, un dos problemas máis típicos do noso urbanismo de papel.

Onte pasaba pola zona a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, onde mantivo unha reunión de traballo co alcalde, José Manuel Traba, para analizar o proxecto de construción da rede separativa no núcleo de Sardiñeiro.
I é que na actualidade, o núcleo de Sardiñeiro de Abaixo conta cunha rede de saneamento separativa, pero os colectores atópanse moi deteriorados debido á súa antigüidade e presentan filtracións. Ademais, existen outras zonas nas que hai un saneamento unitario que está conectado á parte máis baixa do colector e en épocas de chuvias prodúcese unha achega inaceptable de augas limpas á rede, o que provoca un gasto excesivo de enerxía da estación depuradora de augas residuais (EDAR).

Así, para solucionar estes problemas, proxectouse a instalación de sete colectores cunha lonxitude total de 858,4 metros, que substituirán aos existentes ao atoparse en mal estado de conservación. Os colectores 1 e 1.1 corresponden ao tramo que se executará no parque infantil de Sardiñeiro de Abaixo, mentres que o colector 2 instalarase na beirarrúa da estrada AC-445. Cos colectores 3 e 3.1 habilitarase unha rede separativa para recoller as augas fecais das edificacións e deixaranse os colectores existentes como rede de pluviais. O colector 4 colocarase na marxe dun vieiro municipal e, por último, o colector 5 irá na marxe dereita da AC-445.

“Coa combinación desta intervención e o funcionamento da EDAR de Fisterra, soluciónase de xeito integral o saneamento da zona, evitando os vertidos de augas residuais á praia do Sardiñeiro”, manifestou Do Campo, que lembrou que a obra licitada onte dará servizo a unha poboación de máis de 720 habitantes.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios