Un traballador que sufríu un accidente laboral denuncia a XEAL por graves infraccións
J.M.F.G. é un ex traballador de XEAL, actualmente en situación de Incapacidade Permanente Total (IPT), tras sufrir un accidente laboral o 8 de xaneiro de 2023 que lle provocou secuelas permanentes.
Tras tres anos de pelexa coa empresa, a Mutua e o sindicato USO, o afectado quere denunciar o que entende como un incumprimento grave por parte de todos os implicados.
Antecedentes
O ex traballador relata o accidente como unha infracción grave por parte da empresa. “Estabamos realizando un traballo de altura, para o que non tiñamos ningunha indicación por parte da empresa, un traballo perigoso, con EPIS non apropiados e con maquinaria obsoleta. E caín dunha altura de 3 metros”. Como consecuencia directa do accidente, padece danos cervicais crónicas e severos que o obrigan a levar un collarín de forma permanente (aínda que non sempre o porta pola incomodidade que supón), pero que limita absolutamente a súa vida diaria e laboral, xa que lle quedan os brazos e as pernas durmidas, e ten moitos problemas nas costas e para durmir.
Naqueles primeiros días despois do accidente, os traumatólogos da sanidade pública xa avanzaban que ía ter problemas para moito tempo, pero de contado se puxo de baixa pola Mutua, que, cunha mala atención, xa quixo poñeño a traballar aos 3 meses. As doenzas seguían sendo graves e mesmo a día de hoxe ten que seguir tomando calmantes para a dor, pero aos 10 meses a Mutua douno de alta e lle retirou a medicación. Algo que entende como “unha alta médica fraudulenta”.
De inmediato, e ante a incapacidade de poder volver traballar, recorreu a alta ante o INSS. Neses días a responsable de Recursos Humanos só o recibiu con burlas, faltas de respecto e mesmo ameazas de despedimento, a pesar de dispoñer 7 días para recurrir a alta médica.
Resulta que en apenas uns días o equipo de valoración do INSS decidiu que non estaba apto para traballar e lle declararon unha incapacidade permanente. Efectivamente, o equipo do INSS constataba secuelas graves, e invitaron a denunciar á emrpesa e á Mutua por esa “alta frauduleta”.
O asunto destapou ademais o incumprimento dos protocolos de seguridade por parte da empresa. No acto de conciliación, XEAL desentendeuse deixándoo nunha situación de indefensión, e ratificando que non ía afrontar ningunha indemnización por danos e prexuizos. Ante esta desatención, o avogado do perxudicado denunciou á aseguradora de XEAL ante o Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), pero esta dixo que tampouco se facía cargo da indemnización porque o traballador no día do accidente se atopaba traballando sen cobertura dunha póliza de responsabilidade civil.
Non só el estaba incumprindo os protocolos, senón todos os traballadores, denunciando que o seu non é un caso illado. Segundo o seu testemuño, existen outros episodios na empresa nos que, tras accidentes laborais, se responsabiliza aos propios traballadores mentres carecen do apoio efectivo da representación sindical.
A denuncia vai máis alá da empresa e sinala tamén ao sindicato USO, afirmando que, no momento máis crítico, tanto os delegados de persoal como o equipo xurídico do sindicato intentaron evitar que presentase reclamacións contra a empresa. Esta actuación, segundo indica, supón unha grave desprotección dos traballadores e evidencia unha posición aliñada cos intereses empresariais.
O ex traballador afirma que está levando o caso pola vía xudicial para defender os seus dereitos laborais e recorrerá onde sexa necesario ata que se depuren todas as responsabilidades derivadas do accidente.




