Un domingo na gran pantalla para salvar os Cines A Xunqueira
Xa está colgada a carteleira dos Cines A Xunqueira de Cee desta semana. Esa é unha nova inmellorable, porque dá conta da continuidade dos cines do Centro Comercial Finis Terrae. A campaña veciñal “Que a pantalla non diga fin” e a proposta da dirección do CCF parece que permiten a salvación dun recurso cultural que unha vila como Cee non se pode permitir perder.
A chamada da veciñanza resultou, e na xornada dominical vendéronse 329 entradas. As colas provocaron que mesmo houbese que retrasar un anaco o comezo da proxección de ”Michael”, permitindo ademais que a veciñanza saborease o arrecendo a celuloide e o compromiso de participar nun fito heroico. “Non podemos deixar marchar isto”, recoñecían as familias á TVG.
Agora queda selar xuridicamente o acordo ao que xa chegaron o Concello, a dirección do Centro Comercial e a empresa dos cines, pero a vitoria da veciñanza xa se realizou. Tamén quedará pendente deixar de pagar tantas plataformas e acodir á gran pantalla alomenos unha vez ao mes.


