En marcha o proxecto de saneamento de Sardiñeiro
Nunca é tarde, e así o entende Sardiñeiro, que viu como o Consello da Xunta de Galicia aprobaba onte o acordo polo que se autoriza a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Fisterra para a execución da rede separativa no Sardiñeiro.
I é que o núcleo de Sardiñeiro de Abaixo ten unha rede de saneamento separativa, pero os colectores atópanse moi deteriorados debido á súa antigüidade e presentan filtracións. Existen outras zonas nas que existe un saneamento unitario que está conectado á parte máis baixa do colector e en épocas de chuvias prodúcese unha achega inaceptable de augas limpas á rede, o que provoca o gasto excesivo de enerxía da EDAR.
Deste xeito, para solucionar as deficiencias existentes na rede de saneamento proxéctase a execución de 7 colectores cunha lonxitude total de 858,40 metros. O colector 1 e 1.1, cunha lonxitude de 112,80 metros e 44,8 metros respectivamente, corresponden ao tramo que se executará no parque infantil do Sardiñeiro de Abaixo e proponse a restitución dos existentes por atoparse deteriorados.
O tramo correspondente ao colector 2 terá unha lonxitude de 205,47 metros e executarase na beirarrúa da AC-445, substituíndo o existente, que tamén se atopa moi deteriorado. Cos colectores 3 e 3.1 executarase unha rede separativa de augas fecais e pluviais. Proxéctase a execución de dous colectores que recollerán as augas fecais das edificacións e deixaranse os existentes como rede de pluviais. O colector 4 colocarase na marxe dun vieiro municipal e substituirá ao existente que se atopa en mal estado.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina un importe de 210.650 euros para a execución destas obras hidráulicas.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).