Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Fisterra tece a memoria

Tapices da Memoria en Fisterra
Fisterra tece a memoria

Tivo resposta aquela chamada dende a fin da terra para participar na creación dun tapiz contra o “chapapote patriarcal”. Con María Bella, como comisaria, a Área de Cultura do Concello de Fisterra e Asociación Unha Gran Burla Negra (e a colaboración da Deputación) estrea este vindeiro 18 de setembro un proxecto expositivo tremendamente especial.

”Tapices da Memoria: Nunca Máis chapapote patriarcal” quere fiar o presente con fragmentos de memoria da Marcha Mundial das Mulleres acontecida no 2003 entre Cee e Fisterra no marco das protestas cidadans do Nunca Máis contra a catástofe do Prestige. A idea é “non esquecer e ensinar aos que non o viviron a forza que se activou nese acontecemento desde a loita feminista”, explica Bella.

A presentación terá lugar o 18 de setembro na Casa do Arco de Fisterra ás 19h. e a continuación, ás 20h. na Praza da Costitución, celebrarase un concerto da cantante Uxía Senlle, gran implicada no Nunca Máis. A exposición contará con dous tapices memoriales de gran formato centrados na recuperación da Marcha Mundial das Mulleres de 2003 acompañados por un conxunto de paneis que contextualizan a catástrofe do Prestige e o caracter do movemento Nunca Máis. A exposición poderá visitarse ata o 10 de xaneiro do 2022, ano que marca o 20 aniversario do naufraxio.

A Marcha Mundial das Mulleres

A primeira Marcha Mundial das Mulleres celebrouse no 2000 en Bruselas por iniciativa da Federación de Mulleres de Québec e hoxe constitúe un movemento internacional de acción feminista autónomo, multicultural, multiétnico, pluralista e independente que conecta a grupos de base e organizacións para eliminar a raíz que causa a pobreza e a violencia cara as mulleres. O 9 de marzo do 2003 milleiros de mulleres de Galicia trasladábanse ata Cee e Fisterra para apoiar ás compañeiras afectadas pola catástrofe do afundamento do Prestige. A organización da marcha acontecía como parte das protestas e reivindicacións alentadas polas movilizacións do Nunca Máis co apoio de organismos e agrupacións que berraban claramente pola defensa da vida. Unha caravana de autobuses e autocarros saíu de Cee dirección ao fin do mundo onde tivo lugar, primeiro unha concentración seguida dun percorrido pola vila, unha comida conxunta e, xa no peirao, unha lectura de manifestos reivindicativos con música celebratoria para o peche.

“Nem Guerras, nem machismo nem marés. Nunca máis chapapote patriarcal” foi o berro escollido como lema para a reivindicación. O reclamo visibilizaba duas oposicións claves da loita feminista, a guerra e o machismo, ás que se lle engadían as mareas negras, loita na que as mulleres volveron a ser as grandes esquecidas. A parte última enmarcaba a cita dentro do movemento cidadán do Nunca Máis e reflictía á vez o gran malestar das mulleres que se sinten habitando un mundo chapapoteado baixo o mando patriarcal.

Os tapices

cartaz Tapices da Memoria Fisterra

A recuperación da memoria en formato de tapiz fai un guiño ás primeiras prácticas artísticas feministas dos anos 70 que buscaron por en valor tarefas propias das mulleres xeralmente denostadas a ollos dos homes, tales como a costura ou o bordado, reconverténdoas en prácticas artísticas experimentáis e de liberación. Os tapices compilan en gran formato (4x3m e 3x3m) fotos e documentos do acontecemento custodiados nos arquivos das asociacións Mulheres Nacionalistas Galegas, Unha Gran Burla Negra e Buserana e cosidos xunto aos retais de teas enviados por mulleres de distintas partes de Galicia e polo proxecto peseta.org. Á vez, teñen incorporados duas ilustracións realizadas por Laura Tova que recollen escenas da marcha das que non temos imaxes e que foron recreadas grazas a lembranzas e testemuñas. Asemade, dáse protagonismo á figura da muller marchando que caracteriza o logotipo da Marcha Mundial e o emblema da Asociación Buserana grazas a interpretación elaborada por Amorote Printing Workshop. O bordado tamén toma forza nun dos tapices para incorporar unha selección de fragmentos dos manifestos enunciados polas mulleres da marcha grazas as mans de Estefanía Domínguez Trillo desde ed Accesorios. O proxecto conta coa colaboración da Deputación de A Coruña.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios