Fisterra terá por fin Casa da Cultura no Mercado Municipal
17:01 08/06/18
A plata alta do Mercado Municipal de Fisterra acollerá a nova Casa da Cultura
Conseguían hai poucos meses deixar de ser un dos poucos concellos deo país sen Biblioteca. E en breve conseguirán facer que a vila do Cristo teña, por fin, unha Casa da Cultura. Ou máis ben un “Mercado Mariñeiro e Cultural”, como se chama o proxecto, pois o novo Salón de Actos instalarase na planta alta do mercado municipal de Fisterra.
Despois de moitos meses de negociacións na Deputación dos concelleiros do BNG Kuka Sar e Teresa Fernández, esta mañá, o pleno da Deputación da Coruña aprobaba unha modificación de crédito onde van incluídos varios proxectos, entre eles, unha partida de 200.000€ para o proxecto. Unha achega que supón un financiamento do 80% dos gastos totais da obras que ascenden a 253.475 euros.
Unha necesidade fundamental que tiña a vila fisterrá dende hai tempo, obrigado a facer eventos como as estreas teatrais no pequeno Salón de Actos do Concello.
Pasará das 100 butacas coas que conta o salón do Concello, as 200 butacas que terá o novo Salón de Actos do Mercado Municipal, ese novo espazo que “pretende ser unha instalación multidisciplinar que albergue de forma permanente algunhas das instalacións, actividades e recursos culturais municipais ademais de acoller concertos, obras de teatro, conferencias e cursos”.
Ademais do Salón de Actos, construirase un bloque de aseos e habilitaranse un espazo para local de ensaios musicais debidamente acondicionado e unha saa de xuntas e reunións.