Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Tres mulleres emprendedoras na Costa da Morte

Palmira Castro ten a marca mimadriña e rexenta Ethel&Pan en Fisterra
Tres mulleres emprendedoras na Costa da Morte
Alicia, Susana e Palmira son tres mulleres moi distintas. Viven en diferentes localidades da Costa da Morte e o seu traballo tampouco ten moito en común: unha clínica de Podoloxía en Baio, unha tenda de alimentación ecolóxica en Carballo e un proxecto artesá-educativo, ademais dun restaurante en Fisterra. Sen embargo, hai algo que as une, xa que todas nun momento das súas vidas decidiron montar o seu propio negocio para facer realidade unha idea que pululaba nas súas mentes desde había xa un tempo. As tres pensan, ademais, que non volverían atrás no paso de emprender.

Levaba tempo barallando a posibilidade de abrir unha tenda ecolóxica

Susana Suarez da Croa do Castro-Cerqueda

Susana Suárez González (Cerqueda, Malpica, 1969) vive en Carballo. Alí rexenta a tenda de alimentación ecolóxica ‘Croa do Castro’, que puxo en marcha no 2015, ano no que decidiu deixar o seu traballo no sector téxtil. “Fíxenme autónoma porque era un tema que xa me interesaba, e xa levaba tempo barallando a posibilidade de abrir unha tenda destas características. A raíz disto, meu irmán tamén se iniciou no mundo ecolóxico e decidimos emprender xuntos o negocio, aínda que el máis tarde deixouno para asociarse con outros agricultores nunha cooperativa, da que eu mesma vendo os produtos frescos”, explica Susana.

No caso de Alicia Novás Varela (Santa Comba, 1990), a decisión de emprender foi un pouco froito da casualidade. “Un día no banco en Santa Comba, onde vivía, comentáronme que buscaban un profesional sanitario para este novo centro que abrira en Baio. Foi todo moi rápido: conversación, negociación e comezar a aventura”, comenta esta Podóloga, quen decidiu optar polo traballo autónomo ante a pouca resposta das empresas aos currículos que enviou desde que rematou a carreira no ano 2011, “e as ganas que tiña de independizarme e non depender economicamente de meus pais”, engade.

Tiña ganas de independizarme e non depender economicamente de meus pais


Alicia Novás con Berta Lema na clínica Vértebra

Para Alicia Novás o comezo na súa clínica de Polodoxía de Baio non foi doado: “O Sistema Administrativo funciona pesimamente. Ninguén che axuda a nada. Cada día que preguntas tes que presentar un tipo de documentación diferente, e sempre nun novo lugar. É realmente caótico”, explica. Para esta xalleira, é aquí onde radica o problema fundamental de todo autónomo: “ti estudas unha carreira para ser unha profesional de algo pero ninguén te forma para dicirche como podes chegar a ser profesional dese algo e, ou bates con alguén que realmente entenda do tema e teña ganas de traballar, ou estás perdido”.

Con menos dificultades se atopou Susana, para a que o máis difícil foi chegar é chegar á xente, “e asumir un traballo novo que non facías antes”, di. “Trabas non atopei, pero iso si, axudas non hai e serían moi necesarias”, engade a malpicana. Xogar coa localización e acertar co servizo que se ofrece é algo necesario para medrar, e no que coinciden estas emprendedoras. “Naquel entón en Baio non había ningún podólogo, por exemplo. Polo que intentamos acercar o servizo de saúde ao rural e que a xente non tivera que coller o coche para desprazarse ata Carballo, Coruña ou Santiago.”, sostén Alicia.

Pola súa parte, Susana e o seu irmán pensaban que a tenda tería boa acollida na capital de Bergantiños “porque non había ningún establecemento similar que vendera produtos frescos e ecolóxicos. Así, houbo xente que ao saber da tenda comezou a vir por alí, o que nos axudou a medrar pouco a pouco”.

Quixen ser a miña propia xefa

A terceira protagonista desta historia, Palmira Castro Marcote (Sardiñeiro, Fisterra, 1980), tiña un traballo ben pagado e estable nun Centro de Menores en Ourense, pero foron as ansias por chegar a ser a súa propia xefa as que lle cambiaron a vida. “A pesares de ter boas condicións non estaba contenta, tiña ganas de facer as cousas á miña maneira. Deixeino en contra de todas as opinións”, di.

Agora, é emprendedora por partida dobre. “Botei un ano de reflexión, o que me levou a Sardiñeiro de novo, onde decidín montar o proxecto Mimadrinha.com, no que mesturo a artesanía coa educación social. Comezou sendo algo moi pequeniño, de feito por aquel entón aínda non era autónoma, pero un ano despois si o fixen. Pasei de publicar nun blog, a ter un negocio propio”, conta. Palmira é optimismo personificado, e para ela o feito de ser autónoma non lle supuxo ningunha traba nin dificultade, nun principio. “Confórmome con pouco, para min foi fácil. Nun ano puiden empezar a facturar para vivir deste traballo”.

Pero as cousas tornaron un chisco cando no 2015 ela e o seu marido deciden abrir o restaurante ‘Etel&Pan’ en Fisterra, momento no que “me din conta que era outro tipo de negocio, e no difícil que pon as cousas a Administración co tema das licencias. Os negocios, estando tan preto un do outro, foron totalmente diferentes”, engade.

Aínda así, esta fisterrá afirma que está contenta e que calquera das dúas experiencias están sendo moi positivas: “Non volvería atrás, estou contenta co que fixen, onde estou e co que poida vir nun futuro”. Por isto, anima a toda a xente a que “fagan cousas e, sobre todo, aquí na Costa da Morte, porque hai moito recorrido e unha chea de cousas interesantes por facer”.

No caso de Alicia, nunca sentiu a necesidade de botarse atrás porque “desde os 19 anos ata o 25 combinei sempre o traballo de Podoloxía co traballo na hostalaría en festivos, fin de semana e algunha ca outra noite pola semana. Entón foi un pouco o que me permitiu seguir sendo independente e non pedir axuda”, di.
Ao igual ca Palmira, Alicia non volvería atrás porque “grazas a isto sigo formándome no meu campo, e especializándome”.
Para Susana é fundamental crer e ter confianza no que un mesmo fai. “Estou contenta no sentido de que me gusta, encántame a tenda, o contacto coa xente e o produto que vendo, porque sei que é de calidade” e apunta que “o futuro ten que ir cada vez máis polo lado do ecolóxico".

Comentarios