Limpando praias e conciencias
Que necesarias son estas sesións de limpeza dos areais da nosa bisbarra. A todos os niveis ademais, pois se no eido medioambiental son primordiais unindo ademais a labor de concienciación social que aportan, se falamos en clave turística, o feito de deixar as praias ben limpiñas é fundamental para a nosa imaxe.
E coma sempre, a veciñanza vai por diante das administracións. Neste caso foi Asoar-Armega a que utilizaba o seu nome para convocar unha xornada de limpeza no marco das súas Xornadas #Limpandoasnosasrías. Unhas sesións que involucraban a mariñeiros e mergulladores voluntarios de todo o país para sacar toneladas de lixo do fondo das rías galegas, e que agora chegan aos areais para loitar contra a invasión do plástico, que a estas cousas non se lle poden nin chamar crebas.
Foi un grupo de 20 persoas a que traballou arreo durante unha hora e media na tarde do sábado para recoller, só nunha terceira parte da enorme praia, 16 sacos de lixo, nos que había un pouco de todo, como nos relata María Ángeles Nemiña, unha das promotoras dende a Asoar: 500 botellas de plástico, 60 de vidrio, 300 tapóns, 50 envases de plástico, 25 zapatos, 35 chisqueiros, latas, bombillas, cepillos de dentes, envases de medicamentos, xeringas, anacos de poliespán, redes, cabos, cacharros para o polbo, caixas de plástico, e un longo etc...
E fantástica a proposta pois das 21 persoas, 12 eran adultos e 9 nenos, que aprenderon o valor de limpar unha praia, de facer actividades medioambientais como esta, e da importancia da acción social neste o noso mundo. Cansos pero satisfeitos quedaron pequenos e maiores.
Novas relacionadas
- Plásticos que invanden areais.
- Loitando contra a invasión do plástico.
- Raciño volve ao Gran Sol.
- Os temporais achegan baleas, lobos mariños e arroaces ás nosas costas.
- O mar de fondo deixou estampas impresionantes na Costa da Morte.
- Crebas en forma de tartaruga e chapapote en Fisterra.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).