Marta Lado estrea novo libro infantil polo Samaín
Tanto che gaña un premio Mestre Mateo de cine, como un María Casares de Teatro, como un Fina Casalderrey de Literatura Infantil, ou como che prepara un dos mellores grupos de teatro municipais de toda a volta.
A polífacética Marta Lado vén de lanzar un novo libro infantil (a partir de 8 anos), desta volta con temática de Samaín. Este domingo 29 de outubro, aproveitando a data, presenta na súa casa, en Fisterra, “Sinila e a monstruosa festa do Samaín”. A cita será ás 17:30h no salón de actos do Concello de Fisterra, e contará coa presenza da directora da editorial, Belén López Vázquez.
Con ilustracións de Carlos Lago, o libro é unha historia sobre os medos. "Dende que son nai, noto que traslado os meus medos á miña filla, e quero ver como transmitilos, que poden ser útiles", cóntanos a propia fisterrá.
“Nace, por unha banda, do pánico dunha nai a transmitirlle á súa filla os medos herdados e, pola outra, vén da reflexión sobre a necesidade do medo nas crianzas como mecanismo de protección e de formación da propia personalidade”, explícanos. É, tamén, “unha historia dos monstros do ideario popular tradicional cun chisco de humor”.
NOVAS RELACIONADAS
- 2021: Marta Lado gaña o III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade.
- Abril 21: Marta Lado e Xan triunfan nos Mestre Mateo.
- 2019: Os Premios María Casares traen tres galardóns para a Costa, un para Marta Lado.
- 2016: Marta Lado leva o premio á Mellor Actriz no Festival de Toulouse por Sicixia.
- 2016: Marta Lado: "Con Sicixia descubro lugares e sensacións da Costa da Morte que non coñecía”.