Os Premios María Casares traen tres galardóns para a Costa
Acollía este pasado xoves o Teatro Rosalía da Coruña a glamourosa gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia volveu unir á escena galega nunha nova gala reivindicativa e circense, ambientada na época do Imperio Romano.
Imaxe da gala trasladada ao imperio romano. Foto: LaDiapo/AAAG
Foi a presidenta da AAAG, Mabel Rivera, a que tivo que poñer o discurso máis polémico da noite, explicando por que a gala non era retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoable e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”.
Non quedou aí a explicación, se non que Rivera, unha clásica das series da canle, Rivera, criticou que “a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura da nosa contribución á normalización da lingua, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa diversidade, na súa calidade, na súa creatividade, na súa profesionalidade, nas diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o espírito crítico da xente do País, e que a canle pública ten a obriga de ofrecer en toda a súa amplitude. Pois ata aquí”, concluíu Mabel Rivera.
Pero o máis relevante para a nosa zona é que 3 dos premios que outorgou a Asociación viñeron para a Costa da Morte. Unha das grandes triunfadoras da noite foi a compañía costeira Talía Teatro, pois o seu espectáculo “O servidor de dous amos” gañou dous premios: Mellor Maquillaxe, nas mans de Martina Cambeiro; e á Mellor Actriz Secundaria para a fisterrá Marta Lado.
Tamén saíu con premio María Lado, coa que falamos esta mesma semana, ao gañar xunto con Iria Pinheiro o premio ao Mellor Texto Orixinal por “Anatomía dunha serea”. Unha obra que levou ademais o premio á mellor actriz Protagonista, a propia Pinheiro.
Quedou ás portas Víctor Mosqueira, pois o Mellor Actor Protagonista levouno Miguel Borines, pola Casa do Rei.
Iria Pineiro e María Lado- Foto: LaDiapo/AAAG
Próximo Congreso de Teatro
Paralelamente a Academia Galega de Teatro, vai realizar a presentación o vindeiro martes do I Congreso Internacional do Teatro Galego. Congreso organizado coa colaboración de diversas institucións e asociacións sectoriais tanto de Galicia coma de fóra, celebrarase no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela os días 25, 26, 27 e 28 de marzo de 2020.
Novas relacionadas
- Boa presencia costeira nos finalistas dos Premios María Casares.
- María Lado: "En xeral, son unha poeta boa de ler”.
- Fede Pérez, A Nena Azul e Dinosaurio, triunfadores nos Mestre Mateo.
Os #MaríaCasares
- 2018: Talía Teatro lembrou os 40 anos do teatro profesional na Gala dos XXII Premios de Teatro María Casares.
- 2017: Acento costeiro nos Premios María Casares do teatro galego.
- 2016: Unha manchea de artistas da Costa da Morte nas pre candidaturas aos Premios #MaríaCasares e #MestreMateo.
- María Casares 2015: Xurxo Borrazás celebrou o Día do Teatro nos Premios María Casares.
- MaríaCasares 2014: Os MaríaCasares convertíronse nun furancho por Pico.
- María Casares 2013: Os mellores actores de Galicia son da Costa.
- María Casares 2012: Talía Teatro e Vicente de Souza traen dous novos premios á Costa duns María Casares máis reivindicativos ca nunca.