Domingo. 23.01.2022
El tiempo

Modesto Fraga dimite como responsable comarcal do BNG

Modesto Fraga dimite como responsable comarcal do BNG
 

Se os resultados electorais xa non foron para nada bos para o BNG, tampouco o é a decisión de dimitir dun dos políticos con máis integridade da zona. Modesto Fraga anunciaba a súa dimisión como responsable comarcal onte nunha xuntanza extraordinaria do Consello Comarcal do BNG da Costa da Morte. E iso que só levaba no cargo dende febreiro deste 2012

O fisterrán baseou a decisión "tanto en motivos persoais coma nun exercicio de ética e responsabilidade política a teor dos resultados electorais do pasado 21 O", como nos explica a carta que adxuntamos abaixo.

Deste xeito, o Consello Comarcal acordou, asemade, convocar unha nova xuntanza extraordinaria para o vindeiro xoves, día 22 de novembro, coa finalidade de elixir novo Responsable comarcal da Costa da Morte.

Ademais, noutra orde de cousas, é a iniciativa da asemblea local do BNG de Cee, o Consello Comarcal acordou apoiar, por unanimidade, a instalación dunha fábrica de tubos de PVC nos antigos estaleiros da Sícar, como xa fixera o BNG ceense.

Carta de demisión de Modesto Fraga aos membros do Consello Comarcal do BNG da Costa da Morte

Prezados/as compañeiros/as:

 

Como sabedes, o pasado mércores, 31 de outubro, puxen en coñecemento da Asemblea Comarcal a miña decisión, firme e irrevocable, de dimitir como Responsable portavoz comarcal do BNG da Costa da Morte.

 

Desde o meu punto de vista, os resultados electorais das eleccións ao Parlamento Galego celebradas o pasado día 21 foron certamente decepcionantes, tanto no conxunto do país coma no que atinxe á nosa bisbarra, perdendo a nosa organización 122.242 e 2.391 votos, respectivamente.

 

Por conseguinte, creo sinceramente que as persoas que ostentamos algún cargo orgánico temos o deber ético e político de asumir responsabilidades cando a situación, obxectivamente, así o requira e, nese senso, no meu caso concreto, entendo que o baixón electoral experimentado na Costa da Morte é demasiado importante e significativo como para non tomar boa nota e, xa que logo, asumir as oportunas responsabilidades.

 

Por outra banda, tal e como manifestei na AC, a día de hoxe éme imposíbel poder seguir exercendo como Responsábel comarcal coas mínimas garantías que require un cargo desta natureza dado que, por motivos persoais e laborais, non dispoño do tempo nin dos medios suficientes, así como tampouco do ánimo, a ilusión e a entrega que me merecen tanto a militancia como a nosa organización política.

 

Hoxe xoves, día 15, no transcurso do Consello Comarcal farei oficial a miña renuncia ao cargo de Responsábel portavoz comarcal da Costa da Morte. Agradézovos, de antemán, a vosa colaboración e o inxente traballo realizado a prol da nosa organización ao longo destes meses tan complicados.

 

De máis está dicir que seguirei traballando no BNG coma sempre o fixen, con todo o meu empeño e dedicación, co firme propósito de recuperar canto antes a confianza que, nos últimos tempos, fomos perdendo entre a veciñanza do noso país.

  • Modesto Fraga Moure.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG comarcal.

comentarios