Luns. 29.04.2024
El tiempo

O BNG fisterrán acata a decisión do TSXG pero pide que se tomen medidas para eliminar as irregularidades

O BNG fisterrán acata a decisión do TSXG pero pide que se tomen medidas para eliminar as irregularidades

Onte coñeciamos que o TXSG desestimou o recurso electoral do BNG de Fisterra tralos feitos ocorridos no día das eleccións do 22M. E hoxe coñecemos a postura dos demandantes, que manifesta o seu "máis escrupuloso respecto e acatamento á sentenza emitida onte polo TSXG en relación co recurso contencioso-electoral presentado pola nosa formación o pasado 10 de xuño", sinala o seu voceiro Modesto Fraga.

Así e todo, o grupo entende que "a interpretación da referida sentenza non dá ningún tipo de resposta ás “posibles irregularidades” (palabras extraídas do punto octavo, segundo parágrafo, da sentenza) cometidas e denunciadas polo BNG tanto no recurso contencioso coma no transcurso da xornada electoral".

Nese senso, e con independencia de que os votos en litixio non chegasen a provocar cambios no resultado final, "algo que nós nunca cuestionamos", apuntan dende o BNG, nesta sentenza botan en falta "algún tipo de doutrina exemplificante para evitar que en futuras convocatorias electorais se produzan accións semellantes".

Por outra banda, con respecto ás declaracións do alcade, José Manuel Traba nalgúns medios de comunicación nas que afirma que "o BNG deu unha imaxe lamentable de Fisterra", o grupo da oposición quere lembrarlle que "quen ofrece a diario esa mala imaxe é el pois, a día de hoxe, as noticias son que continúa en liberdade condicional e imputado por varios cargos".

Agora Fisterra agarda o pleno de investidura que terá lugar o vindeiro venres 1 de xullo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Fisterra.

Comentarios