Venres. 19.04.2024
El tiempo

Os Reis tamén deixaron a súa pegada na Costa da Morte

Os Reis tamén deixaron a súa pegada na Costa da Morte

Non podemos comezar o ano sen facer referencia á chegada das súas Maxestades pola nosa bisbarra. Unha vez que os Reis Magos xa coñecen ao Apalpador e mesmo teñen pasado unha noite conversando sobre o seu estresante traballo, esta pasada semana chegaron directos dende o mesmo Belén á Costa da Morte, pasando por todas as casas.

Repasamos aquí varias das cabalgatas que se desenvolveron ao longo da fin de semana.

Os reis por Fisterra

Foron centos de nen@s e maiores os que o pasado dia 5 acompañaron a Tradicional Cabalgata de Reis en Fisterra. Os Reis Magos de Oriente comezaron as 11 da mañá a percorrer todas as parroquias finalizando as 6 da tarde coa Cabalgata pola vila do Cristo acompañados con animación de rúa por parte da Compañía Duendesico.

O desfile estaba formado de 4 carrozas, a da estrela fugaz e 3 carrozas cos seus respetivos reis e paxes. Foron moitos kilos de caramelos os que se repartiron durante todo o día e moitas as cartas dos nen@s que recibiron os reis.
E xa a partir das 7 da tarde celebrouse a recepción das Maxestades no pavillón municipal onde moitas familias pasaron unha tarde cargada de xogos populares, hinchables, animación musical,talleres de globoflexia, debuxo, maquillaxe... e o máis importante, o momento de saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar e facerlles as súas peticións.


Os Reis magos visitaron Vimianzo subidos a un carro do país

Un carro do país tirado por unha vaca foi o vehículo empregado polos Reis Magos de Oriente para percorrer as parroquias de Vimianzo.
A saída da Casa da Cultura causou grande expectación na vila de Vimianzo, onde se celebraba o mercado municipal. Ata Televisión de Galicia escolleu tamén o concello vimiancés para facer o seguimento da visita real no rural e unha cámara dos informativos acompañou ás Súas Maxestades duante boa parte da mañá. O Magos de Oriente percorreron o concello durante todo o día, e visitaron tamén os maiores do Xeriátrico e da Vivenda Comunitaria e o Centro de Día.
Ás oito da noite as Súas Maxestades facían unha entrada triunfal na Casa da Cultura onde os agardaba un auditorio repleto de xente.

Para rematar a xornada, a escola de pandeireta do concello de Vimianzo subía ao escenario para interpretar dous Cantos de Reis.

Ademais, e mentres os Reis Magos percorrían as parroquias, o alcalde de Vimianzo e o técnico deportivo do concello facían a entrega de trofeos aos gañadores dos torneos de escoba individual e de tute por parellas que tiveron lugar na Casa da Cultura os días 2, 3 e 4 de xaneiro, dentro da programación de Nadal. Os gañadores do torneo individual de escoba foron: en terceiro lugar, Javier Martínez; en segundo, Jesús; e o gañador foi Valentín Trillo. En canto ao tute, torneo por parellas os finalistas foron: en segundo lugar: Evaristo Pérez e Antonio Lagrela; e os campións Emiliano de Vilaseco e Jesús de Vimianzo.


Un peche fermoso ao Nadal en Carnota

Tiña o Concello de Carnota, e a ACDR O Patín, unha programación extensa e variada para os días de vacacións dos máis pequenos da casa, e dende o día 20 de decembro ata o 5 de xaneiro, practicamente sen descanso, houbo actividades deportivo/lúdico/culturais na Casa Consistorial.

Paxes reais, concursos, concertos, obradoiros, proxeccións, torneos de tenis de mesa, partidos de fútbol, etc, pero o máis esperado e significativo foi a chegada das Súas Maxestades os Reis Magos ao pobo.
Dende as cinco da tarde todos os cativos do concello puideron disfrutar dunha festa infantil no pavillón de Lamas de Castelo, a ritmo de panxoliñas participaron nos xogos propostos polas monitoras, nos bailes, nos desfiles e saltaron ata que non puideron máis nos hinchables que alí había.
Pero o momento álxido chegou ás sete da tarde cando pola porta asomaban os 3 reis magos acompañados polos seus paxes que alumeaban o camiño andado con antorchas. Nada máis entrar dirixíronse ao belén vivinte que os esperaba, para ofrecerlles os seus regalos; ouro, incienso e mirra.
Logo de adorar ao Neno Xesús, sentáronse nos tronos para recibir as peticións de todos os nenos asistentes, e como non para regalarlle unha boa presa de caramelos.

Cabalgata chea en Zas

As imaxes da traballada cabalgata de Zas tamén son ben interesantes. Aí vemos a paxes, e acompañantes facendo da viaxe dos reis un fermoso paseo.

Diplomados en Ponteceso

Por Ponteceso tamén pasaron os reis, pero hoxe destacamos aos pequenos diplomados do Campamento, "Luditempo no Nadal", deseñado e executado por Senes Desenvolvemento Comunitario. Un proxecto de conciliación no que o seu obxectivo foi que mentres que os nenos e nenas disfrutaban, os pais dispoñian do tempo suficiente para os quefaceres propios destas datas.

Na clausura os pais manifestaron que os seus fillos e fillas cando chegaban a casa disfrutaban máis xogando cos xoguetes feitos por eles, que con aqueles que lles regalaran nestas datas, polo que unha vez máis podemos considerar dunha forma positiva a intervención educativa onde se traballa transversalmente os valores de igualdade, medio ambiente, solidariedade, convivencia, comunicación, autonomía, etc. para concienciar da importancia que teñen estes valores nos nenos e nenas e na sociedade en xeral.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios