Trasladados con hipotermia dous rapaces que caeron á auga tras envocar nunha lancha inchable en Fisterra
Ambos levaban chaleco salvavidas. Un familiar dun deles internouse no mar para auxilialos, pero ningún dos tres era quen de acadar a beira nun primeiro momento.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada un particular que se atopaba na praia da Langosteira, ás 16:30 horas, quen explicaba que a lancha envorcara a varios centos de metros da liña de costa.
Desde o 112 Galicia solicitouse a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.
A continuación, Salvamento Marítimo confirmaba que estaba a mobilizar unha embarcación e un helicóptero de rescate.
Sen embargo, minutos despois, os membros de Protección Civil explicaron que os dous menores conseguiron saír polos seus propios medios, namentres que o pai foi asistido por outros bañistas.
Finalmente, os dous nenos implicados foron evacuados en ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira.