Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un raio puido ser o causante de esnaquizar o Cruceiro do Cabo Fisterra

Un raio puido ser o causante de esnaquizar o Cruceiro do Cabo Fisterra
Asi aparecia o Cruceiro do Cabo Fisterra na mana do sabado-Foto-Gabriel Satti

A pasada mañá de sábado aparecía o cruceiro do cabo Fisterra esparcido en anacos polo chan. A incertidume colleu de sorpresa a todos, e as propias forzas de seguridade recollían os anacos ben cedo pola mañá. Houbo moitas hipóteses sobre a mesa, pois ante a principal, a meteorolóxica, moitos veciños amosábanse escépticos despois das fortes cicloxéneses que sufrimos o ano pasado sen que nada lle pasase ao cruceiro da fin do mundo que, como conta Luís Lamela, foi promovido polo emigrante Manoel d'Antonia.

A Policía Nacional púxose a investigar, e segundo as súas pesquisas, tivo que ser un raio, pois non había pisadas de xente nin rodeiras de coches, da base saíu moi limpa, e ao caer cara a zona da costa, non puido ser atada e derrubada cun vehículo.

Raios que caeron por Fisterra a noite do pasado venres

E segundo nos confirman os amigos de 4gotas.com, a noite do venres caeron varios raios pola zona de Fisterra, “así que, é moi probable que o cruceiro se rachara por un deles”. De feito, envíannos esta imaxe, obtida do sistema de detección de raios de MeteoGalicia, que dá conta dos raios que caeron na noite do venres nos arredores de Fisterra.
”O sistema ten unha precisión duns 500m polo que é moi posible que algún deles caerá ao lado (ou enriba) do cruceiro, que ademais, pola súa forma e estando illado, faría de pararraios, atraendo ao raio”, explícannos.

Iso si, nada tivo que ver a manga mariña que se víu no mar fisterrán coa tormenta eléctrica, se ben teñen a mesma raíz, a gran inestabilidade da tarde-noite do venres, como nos contaban no parte de cada venres dende 4gotas para QPC. I é que pasou “unha borrasca, moi inofensiva en superficie, pero acompañada de aire moi frío nas capas medias e altas da atmosfera. As diferenzas de temperatura, acompañadas da inestabilidade que aporta a borrasca e que favorece a formación de ascensos de aire, fan que eses movementos verticais sexan moi bruscos e se formen chuvascos intensos, treboadas e mesmo esas mangas mariñas…”, cóntanos 4gotas.

Así e todo, son moitos os veciños que seguen sospeitando que algo estrano pasou...

A historia do cruceiro da fin do mundo

Cóntanos o historiador Luís Lamela, que “o Cruceiro da Costa da Morte foi promovido por Manoel d'Antonia, un fisterrán que comezou a traballar na pesca aos dez anos, emigrando aos vinte para Arxentina, onde permaneceu máis de sesenta navegando por mares australes. Cando regresou a Fisterra para morrer na terra que lle vira nacer, veu coa ilusión de construir un cruceiro no peñón do Centolo, como homenaxe a todos os que pereceron neste mar límite do océano e aos emigrantes que, deixando o seu terruño, deixaron as ilusións, anhelos e osos en terras estrañas. Finalmente, ante as dificultades do proxecto no Centolo, consiguiu erixilo nas cercanías do Faro e o día da súa inauguración converteuse no máis feliz da súa vida”.

O antes e despois do Cruceiro do Faro Fisterra-Fotos-Luis Lamela

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios