Venres. 03.05.2024
El tiempo

A veciñanza de Duio esixe unha serie de melloras básicas

A veciñanza de Duio esixe unha serie de melloras básicas

A Asociación-Comisión de festas San Vicente de Duio, vén de presentar no rexistro municipal do concello de Fisterra unha serie de demandas de
carácter social coa finalidade de mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas dos núcleos rurais do municipio. "Cómpre darlle voz ao rural", apuntan.

Entre as medidas solicitadas figuran a petición dunha conexión trifásica permanente no campo de Ermedesuxo que, ademais de servir para conectar os diversos elementos necesarios para o desenvolvemento da festa parroquial, facilitaría o traballo de inspección dos tractores agrícolas e demais actividades relacionadas co sector agrario.

Por outra banda, instan ao concello de Fisterra a que realice os arranxos necesarios na escola unitaria do Vilar de Duio, consistentes na reparación das paredes interiores e o teito, arranxo das persianas, alumeado, estanterías móviles para libros, instalación dun pasamanos na primeira planta, etc, para poder levar a cabo actividades lúdicas, sociais e culturais dirixidas ás persoas maiores e aos nenos. "É importante, así mesmo, proceder á limpeza e adecentamento da parte lateral e posterior da escola para poder facilitar o acceso á mesma e ofrecer unha imaxe axeitada deste inmoble", sinalan.

"Pretendemos paliar así a soidade das persoas que viven soas por falta de compaña e facilitarlles un espazo no que poder falar un conto e intercambiar opinións, evitando, na medida do posible, o grave illamento social que sofren as aldeas e os pequenos núcleos de poboación", apuntan.

Piden tamén a instalación de taboleiros nas aldeas do concello que faciliten información de interese público para toda a veciñanza, dado que non sempre é posible poder desprazarse ata o pobo para poder estar informado de todo o que sucede no municipio.
 

Comentarios